Máis do dobre do aforro previsto na redución da Administración paralela

Máis do dobre do aforro previsto na redución da Administración paralela

24 de Febreiro, 2011 - 12:00 h. | Publicada por

O blindaxe do investimento do Plan Concertado de servizos sociais, a redución da Administración paralela e a extensión do programa Abalar o vindeiro curso escolar foron os asuntos máis destacados tratados no Consello da Xunta en San Caetano.
A Xunta vén de analizar a redución da Administración paralela nove meses despois da aplicación do Plan de Racionalización.

A día de hoxe 41 dos 42 organismos están disoltos ou en liquidación e a redución administrativa alcanza o 29% do conxunto dos organismos paralelos e un recorte de 411 traballadores con contratos temporais. Núñez Feijóo apuntou que o aforro estimado destas medidas é de 15,3 millóns de euros, máis do dobre do que se preverá inicialmente, e que se está optimizando tamén o gasto nos 16 entes que se manteñen. Ademais anunciou a aplicación dun Plan de Eficiencia Enerxética na Administración e a aprobación da fusión nun mesmo organismo das entidades Augas de Galicia e a Empresa Pública de Obras e Servizos Hidráulicos.

Por outra banda, o Goberno galego aprobou o Plan Concertado de servizos sociais cun investimento de 47 millóns de euros. A través do Plan, financiaranse servizos sociais que os concellos prestan a 620.000 galegos como a axuda no fogar para persoas dependentes ou o plan de desenvolvemento xitano. Esta partida contribuirá a aliviar a presión financeira que sofren as administracións locais galegas, xa que, por primeira vez, poderán cobrar o 100% do importe da subvención no primeiro semestre do ano.

Asemade, a Xunta anunciou o acordo para ampliar o Proxecto Abalar, o que permitirá que o vindeiro curso se duplique o número de alumnos e de aulas que empregan ferramentas dixitais. O programa seguirá funcionando nos cursos de quinto de Primaria e primeiro da ESO e ampliarase a sexto de Primaria e segundo da ESO. Deste xeito, Abalar contará con 1.500 aulas dixitais e chegará a 31.500 alumnos.

Sociedade