ACTUALIDADE
-
Novas
Novas sobre programas, emisoras,... Todo o mais actual e de interese nesta sección.
-
Radio á carta
Escoita online os podcasts dos teus programas favoritos de Radiofusion.
Praza Alcalde Ramón Souto s/n, 15500 Fene (A Coruña) Galicia - Tfno. 981 492 773 - noticias@radiofusion.eu
Facebook
Twitter
Xurxo Souto pechará a primeira xornada do 1º Festival de Podcast que organiza Emisoras Municipais Galegas. O Festival desenvolverase no local da Sociedade O Pote de Maniños o venres 21 e o sábado 22 de novembro.

Un completo programa que contará coa presenza de recoñecidos “podcasters” como Pepe Cunha, premio Martín Códax polo seu podcast musical “Ábrete de Orellas”, “Orgullo Galego” o proxecto de Borxa González ou Carlos García Vieito, co seu “Exército Mekemeke”; estes novos comunicadores compartirán espazos con investigadores sobre este novo formato como o profesor Ignacio Gallego da Universidade Carlos III de Madrid e con profesorado de distintos niveles educativos que presentarán a súa experiencia na utilización deste formato como recurso didáctico, como a que compartirá Ana Isabel Ares, Vicerreitora do Campus Industrial de Ferrol da Universidade da Coruña ou Santiago Veloso, responsable do proxecto Ponte nas Ondas.
Os medios de comunicación terán un espazo propio no programa do Festival, o venres coñeceremos a opinión e o uso que os medios, tradicionais e dixitais, fan do uso do formato podcast; do mesmo xeito que contaremos cun espazo no que os medios municipais que forman parte de EMUGA, poidan dar a coñecer o uso que están a facer do formato podcast na súa programación.
Haberá tempo para a formación da man de Pepe Cunha que dirixirá un obradoiro de creación de podcast e o uso das redes sociais e a IA para a creación de contidos nunha proposta de Actual Comunicación.
O espectáculo tamén estará presente, ademais da intervención de Xurxo Souto e o seu “O heredeiro en Galicia, sitio distinto”, o sábado poderemos desfrutar, en vivo e en directo, da realización dun episodio de “Vellenials”, un dos podcasts de humor máis seguidos que forma parte da programación da emisora comunitaria Cuac FM, e pecharemos a sesión coa actuación de Son d Cantos.
Remataremos o sábado coñecendo os podcasts gañadores das distintas categorías do 1º Concurso de Podcast. Unha convocatoria que ten conseguido a resposta de 27 propostas concursantes que competirán polos 500€ do primeiro premio e os 14 premios noutras tantas categorías.
Este primeiro Festival de Podcast organizado por EMUGA e que conta coa colaboración da Deputación da Coruña, trata de poñer en valor a produción actual de podcasts en galego. Compartiremos, durante os dous días e con distintos formatos, mesas redondas, coloquios, charlas e realización dun podcast en vivo, moitas experiencias moi valiosas e as posibilidades que este formato pode ofrecer a persoas do mundo da comunicación, como soporte á creación de contidos e o seu uso no eido educativo.
Imaxe: Vellenials no Castelo Conta por Aigi Boga
Publica o teu comentario agora