Máis que vítimas

Máis que vítimas
10 de Abril, 2023 - 11:03 h. | Publicada por Radio Fene

A primeira novela da xornalista Marta Villar denuncia a violencia contra a muller. María Xosé Arcos, Ana Orantes ou as nenas de Alcàsser son homenaxeadas nesta obra editada por Xerais. “Estas mulleres non merecen ser coñecidas só como vítimas”, asegura a autora desta obra á que escoitaremos este mércores no clube de lectura de Radio Fene-Radiofusión.

“As motivacións de escribir a novela foron cousas que me chamaron a min a atención cando eu era máis nova. Houbo tres feitos que me chamaron moito á atención e que teñen que ver coa violencia de xénero: a tortura e asasinato das nenas de Alcásser, a morte de Ana Orantes e unha das primeiras noticias que tiven que facer para o xornal sobre unha manifestación para saber onde estaba María Xosé Arcos. Eses feitos determináronme moito e eu quería adicarllo a todas esas mulleres, as que saen no libro e moitísimas máis, para que non sexan sempre ás vítimas. De feito, unha das personaxes chámase María Xosé Arcos un pouco de homenaxe. Estas mulleres non merecen ser coñecidas só como vítimas porque un home acabara con elas. Eu quería darlle a oportunidade de ter unha vida e un futuro e por iso esa dedicatoria”, afirma Marta Villar, autora da novela ‘Non temerás os coches amarelos’.

Na imaxe, Marta Villar, escritora e xornalista.

Fotografía: Xan Xe

 

Cultura

Publica o teu comentario agora