Médicos e enfermeiras e viceversa

Médicos e enfermeiras e viceversa
13 de Xaneiro, 2021 - 09:36 h. | Publicada por Radio Fene

O centro de saúde do Tarrío de Fene, que actúa como PAC para outros concellos da zona, conta en teoría con oito médicos, a metade en cada quenda de mañá e tarde; dúas pediatras e nove enfermeiras. O centro do Pombal en Maniños dispón de unha médica e unha enfermeira. Dúas baixas temporais están sen cubrir neste momento, segundo informa a concelleira de Sanidade, Mª Carmen Martínez.

ESCOITA O PODCAST:

A situación da atención primaria no concello de Fene é sensiblemente mellor que hai un ano se nos atemos ao número de médicos e enfermeiras que traballan nel. Aínda así hai dúas baixas sen cubrir, unha dun médico de tarde e outra dunha pediatra. O organigrama do centro de saúde do Tarrío reparte catro médicos pola mañá e catro pola tarde. Neste momento un dos doutores da tarde está de baixa e sen cubrir. De media, cada médico ten un cupo de 1400 pacientes. A isto se suman dúas pediatras, estando unha delas de baixa longa e sen cubrir. Este sería quizás o punto máis débil da atención primaria en Fene porque supón que unha única pediatra ten que atender a 1600 pacientes xa que o cupo de cada unha é de 800 nenos e nenas. A enfermería conta no centro do Tarrío con un total de nove efectivos. Seis enfermeiras na quenda de mañá e tres están na quenda de tarde. A concelleira, Mª Carmen Martínez, informa que aquí hai unha baixa que está cuberta temporalmente.

No centro de saúde do Pombal en Maniños, que reabría as súas portas hai dous meses, despois de permanecer pechado unha longa temporada a causa da pandemia, atenden aos pacientes unha médica e unha enfermeira. Martínez sinala que, despois da situación de falta de médicos pola que pasou o centro do Tarrío e que moveu ás mobilización do persoal e da cidadanía, actualmente a situación é mellor en canto a persoal pero aínda así reclama que se cubran as baixas porque a falta dun médico repercute nos compañeiros, de forma que en vez de atender unha media de 45 pacientes, ten que facerse cargo de 90 doentes diarios. “Esta situación merma a calidade da atención e repercute tanto en profesionais como nos cidadáns” afirma Martínez.

 

(Na imaxe, o centro de saúde do Tarrío. Fene)

Institucional

Publica o teu comentario agora