Móllate polos Ríos

Móllate polos Ríos
26 de Setembro, 2024 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Décimo sétima limpeza simultánea dos ríos galegos. Terá lugar na primeira fin de semana do outono. Promóvea Adega e conta coa colaboración de 56 concellos, entre eles Fene, e de máis de 70 entidades, como AETNA e Betula. María Xosé García, presidenta de AETNA, informou en Radio Fene do plan de traballo.

ESCOITA O PODCAST:

Desde o Concello de Fene, a responsable de medio ambiente, Mari Carmen Martínez, animou á cidadanía a participar nos labores de limpeza do río Baa e a “contribuír a manter os ríos limpos para as xeracións futuras”. AETNA convocou a todas as persoas que queiran sumarse a acudir este domingo, día 29, ás 10.30, ao local da entidade, en Maniños. Betula ten previsto facer labores de limpeza con escolares o venres, día 27.

Plásticos son a maioría dos refugallos que retiran do río, segundo contaba María Xosé García, que aprecia menos sucidade agora que nos primeiros anos da campaña de limpeza. “Aquelo era tremendo, non sei se é porque a xente transita menos polos ríos, pero aínda hai tres anos retiramos un eixo dun coche”. Ao remate da xornada de traballo serviranse uns petiscos. E para finais de outubro teñen prevista unha nova acción, esta de limpeza de praias, na Ribeira de Maniños, anunciou a presidenta de AETNA.

Sociedade

Publica o teu comentario agora