Música de campo e praia: debuta o Festival Tualmonteyoalmar en Ferrol

Música de campo e praia: debuta o Festival Tualmonteyoalmar en Ferrol

18 de Xullo, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

O tres é o número máxico do punk-pop: cancións que se despachan en menos de tres minutos; cancións que se tocan con tres acordes de guitarra como moito; e cancións que se adhiren ao cerebro con tres escoitas. É sinxelo, veloz e melódico, como o nome do primeiro festival galego consagrado a este estilo: “Tualmonteyoalmar Ferrol 2009”. A cidade departamental acolle esta noite o debú desta nova proposta no calendario galego.

Xuntos en Galicia por vez primeira. Así se anuncia a actuación desta noite, que concentrará aos primeiros espadas da tralla popular feita no Estado: Airbag, Los Reactivos e Los Summers, xunto cos ferroláns Van Cleef son os grupos que escoltan a un mítico cabeza de cartel: Un Pingüino en mi Ascensor. O madrileño José Luis Moro está en pleno revival do seu reinado nas listas de éxitos a finais dos anos 80. Na discoteca Zebra de Ferrol soará a partir das nove da noite clásicos como “Atrapados en el ascensor” ou “Espiando a mi vecina”. Non menos célebre que os grupos participantes é Juan de Pablos, o director do programa Flor de Pasión en Radio 3, que escolmará os seus discos preferidos para ofrecer unha sesión DJ. Á súa beira estarán para completar bailando a noite a ex teclista de Los Flechazos Elena Iglesias e o picadiscos galego Rafa Beatman. Mar e monte, pop para todos os gustos hai esta noite no festival “Tualmonteyoalmar” que se estrea en Ferrol.

Cultura