Música pop para despedir o 2020

Música pop para despedir o 2020
22 de Decembro, 2020 - 09:27 h. | Publicada por Radio Fene

A praza do alcalde Ramón José Souto González acollera dentro dunha semana, o mércores 30 de decembro, ás 20.00 horas, o concerto de Nuevo Plan “Os mellores hits do pop nacional”, espectáculo organizado pola concellería de Cultura no marco do ciclo “Un Nadal diferente”. As entradas poderán reservarse desde o mércores 23 ás 9 da mañá.

A banda ferrolá versiona cancións dos anos 80 e 90 (Burning, La Unión, Nacha Pop, La Guardia, Los Rebeldes, Siniestro Total, Loquillo, Duncan Dhu...etc), composta polos feneses Cabe García e Sarita Couce, acompañados de Coke Blanco, Marcial Badía, Rafael Pereira, Alfredo Susa Vila e Pablo Castaño. As entradas para o concerto poranse a disposición do público desde mañá 23 de decembro, ás 9.00 horas, na páxina de Ataquilla.com https://entradas.ataquilla.com/ventaentradas/es/. Serán de balde ate completar aforo (146 localidades) pero cada persoa só poderá reservar un máximo de dous pases, rexistrando os datos das 2 persoas que acudirán ao mesmo.

Dende Concellería de Cultura de Fene infórmase de que o día do concerto os/as espectadores poderán acceder ao recinto a partir das sete do serán. Recoméndase así mesmo presentarse no punto de control de acceso con tempo suficiente xa que a reserva de entradas perderá vixencia se non se está na fila de entrada 15 minutos antes do comezo do espectáculo. A partir dese momento admitirase a entrada sen reserva, por orde de chegada e sempre que haxa aforo dispoñible. Por outro lado, infórmase de que, aos efectos da dar cumprimento aos protocolos de seguridade, os datos das persoas asistentes poderán ser verificados pola organización para o acceso aos recintos.

En canto ás medidas hixiénico-sanitarias implantadas, lémbrase que haberá un punto de desinfección de mans no acceso ao recinto. Ademais, o uso da máscara será obrigatorio durante todo o espectáculo e non se permitirá o acceso con comida, bebida ou obxectos que poidan ser considerados perigosos pola organización. Por último, o público permanecerá sentado en cadeiras individuais durante todo o espectáculo no lugar que se lle asigne e realizará a entrada e saída de xeito ordenado seguindo as instrucións da organización.

Cultura

Publica o teu comentario agora