Magín Blanco, Camilo Franco e Leo i Arremecaghona lianna parda en Arzúa

Magín Blanco, Camilo Franco e Leo i Arremecaghona lianna parda en Arzúa

31 de Marzo, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Arzúa

Magín Blanco, Camilo Franco e Leo i arremecághona!!! ofrecerán un concerto insólito este venres en Arzúa. Os cantautores utilizarán a ironía, o sarcasmo e incluso a sátira. As actuacións comezarán ás 20 horas na capela da Madanela. 

A Concellería de Cultura de Arzúa e a Rede de dinamización da Sociedade da Información teñen tamén programado para o vindeiro mes de abril un amplo cartel de actividades para todos os públicos, nuns casos para o desfrute  e diversión no seu tempo de ocio e, noutros para a adquisición de coñecementos e formación a través de charlas e obradoiros.

 

         A Biblioteca Pública Rosalía de Castro, sita no Centro Sociocultural María Mariño, acollerá a exposición do III Premio de Banda Deseñada Castelao entre os días 2 e 27 de abril, en horario de 10 ás 13 horas e polas tardes das 16 ás 20 horas, de luns a venres.

 

         A exposición corresponde á terceira edición do premio de Banda Deseñada Castelao convocado pola Deputación Provincial e dotado con 6.500 euros,  o premio inclúe ademais a publicación da obra gañadora.

 

         Ademais dos once paneis onde se recollen os traballos presentados ao concurso, a exposición reproduce a obra gañadora do certame, “Aventuras de Cacauequi”, cuxo autor, Jacobo Fernández Serrano, deseñou un cómic orientado máis ao público xuvenil que infantil.

 

         A exposición será inaugurada este xoves, día 2, ás 20 horas polo Alcalde de Arzúa, Xaquín García, e o Concelleiro de Cultura, Xosé Luis García, nas instalacións da Biblioteca Pública, onde tamén estará presente persoal da Deputación Provincial.

       

 

 

         A programación deseñada para o mes que agora comeza inclúe tamén a impartición dunha serie de obradoiros encamiñados á formación dos cidadáns a través das posibilidades que ofrece internet.

 

         Deste xeito e segundo os datos aportados por Olalla Calvelo, Dinamizadora da Sociedade da Información en Arzúa, está previsto impartir un Obradoiro de Correo Electrónico entre os días 6 e 21 de abril, entre as 11 e as 12 do medio día. Dos días 13 ao 21 de abril, en horario de tarde, das 16 ás 17 horas, terá lugar o Obradoiro de Trámites por Internet, que deixará paso a outro de Mensaxería Instantánea que se impartirá entre os días 22 e 30 de abril en horario de 11 ás 12 do medio día. Nestas mesmas datas (do 22 ao 30 de abril) pero en horario de tarde (das 16 ás 17 horas) terá lugar tamén o Obradoiro de Banca por Internet.  Todas estas actividades levaranse a cabo no telecentro, ubicado no Centro Sociocultural María Mariño.

Cultura