A maior feira ecolóxica de Galicia

A maior feira ecolóxica de Galicia

03 de Outubro, 2013 - 12:00 h. | Publicada por Radio Arzúa

Este sábado 5 e o domingo 6 de outubro celebrarase en Arzúa unha nova edición da maior feira ecolóxica de Galicia. Así, os produtos naturais, os máis innovadores, ata unha unidade móbil que nos ensinará a xestionar os residuos que todas e todos xeramos, as terapias alternativas e as produtoras e produtores locais -das feiras do 8 e 22- encherán o Recinto Feiral Terra do Queixo.

O público que asista terá ao seu dispór máis de cincuenta postos de diversos produtos e servizos naturais. Un ano máis, e xa van dez, Arzúa será o epicentro galego das propostas ecolóxicas. Produtos alimentarios, de vestido e calzado, medicinas alternativas e solucións de comercio xusto, entre outras, presentaranse nesta edición para atallar as prácticas de consumo prexudiciais coa Terra. Profesionais, artesáns, persoas con experiencia e con anos de formación porán solucións respectuosas coa contorna ao teu alcance na maior Feira ecolóxica de Galicia.
 
Este proxecto reverdece sen deixar de atender as tendencias actuais de consumo e produción. Deste xeito, a Feira ecolóxica de Arzúa contará con produtos novidosos tales como a stevia, un substitutivo natural do azucre,  ademais das catas e demostracións da elaboración doutros como xeados, froita, viños ecolóxicos, cosmética, como crear unha mesa de cultivo e moitos máis.
 
Punto de encontro de artesáns, consumidores, produtores e público, a Feira Ecolóxica arzuá converterase un ano máis no viveiro das últimas novidades e xeitos de vivir de forma máis respectuosa coa contorna e cos seus habitantes. Neste sentido, non podemos esquecer tampouco as conferencias, demostracións, obradoiros e actuacións musicais e teatrais que completan a oferta sociocultural da Feira.
 
Lugar: Recinto Feiral Terra do Queixo sito na Rúa Travesía da Feira s/n.
Días: sábado 5 e domingo 6 de outubro
 
Horario: de 11:00 a 14:30 e de 17:00 a 21:30 h. o sábado día 5.
Horario: de 11:00 a 14:30 e de 16:30 a 20:30 h. o domingo día 6.

Sociedade