A Mancomunidade de Ordes estudará un proxecto de reciclaxe de residuos pioneiro en Europa

A Mancomunidade de Ordes estudará un proxecto de reciclaxe de residuos pioneiro en Europa

07 de Abril, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Ordes

O pleno da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes cambiou hoxe de escenario e trasladouse ata o salón de plenos do concello de Tordoia, iniciando así “unha rotación por todos os concellos da mancomunidade, para que todos os alcaldes afondemos no coñecemento dos distintos municipios que integran a comarca”, explicou o presidente da Mancomunidade, Miguel Prado Patiño. Unha sesión na que a Mancomunidade de Ordes tomou coñecemento de d&uacute

Así, os alcaldes da comarca de Ordes interesáronse por un proxecto para a reciclaxe de Residuos Sólidos Urbáns (RSU) pioneiro en Europa e que permite a reciclaxe do 94% do lixo recollido. Técnicos da empresa Biclima explicaron que este sistema de plantas modulares estase a desenvolver con éxito en Canadá e Australia, pois supón cero emisións contaminantes, a planta produce a súa propia enerxía e mesmo produce enerxía que se pode enviar á rede. Ademais, non sería preciso realizar recollida selectiva dos residuos, xa que estes poderían chegar xuntos á planta e serían separados cun novo procedemento. 

Segundo Biclima, esta novidosa proposta suporía un investimento cercano aos 2,5 millóns de euros, dos que a metade podería ser financiado con fondos da Unión Europea. Así mesmo, dende a empresa explicaron que suporía un aforro para o cidadán dun 50% da taxa do lixo e que o investimento podería recuperarse nun prazo non superior a dous anos. Recollendo o sentir dos alcaldes presentes, Miguel Prado sinalou que “se trata dunha proposta moi interesante” e apuntou a necesidade “de manter unha reunión de traballo máis en detalle nun futuro próximo”.

Por outra banda, o pleno da Mancomunidade de Ordes tamén tomou coñecemento dunha proposta do SITGA para recopilar toda a toponimia e microtoponimia dos sete municipios  (Cerceda, Frades, Mesía, Ordes, Oroso, Tordoia e Trazo). A coordinadora deste proxecto no SITGA, Berta Román, explicou que na actualidade “temos recollidos 400.000 topónimos de 103 concellos galegos”, o que significa que está recopilado aproximadamente 1/3 do territorio de Galicia. Como idea xeral, apuntou que se recolle unha media de 40 topónimos por quilómetro cuadrado. 

Miguel Prado explicou que os concellos que integran a Mancomunidade ordense “estamos interesados neste proxecto pois consideramos que é unha medida acertada e que pode ser moi útil para nós”. Para a realización do proxecto, cada concello da Mancomunidade tería que asinar un convenio de colaboración co SITGA no que non terían que aportar cantidade económica algunha, salvo poñer un técnico e un vehículo para o traballo de campo. Ademais, como o traballo de campo se fai directamente na parroquia falando cos veciños, o Concello encargaríase de facilitar aqueles informantes que puidesen aportar un maior coñecemento do lugar. 

Con estes datos, o SITGA elaboraría un completo mapa toponímico de cada municipio, que sería exposto nos concellos para que toda a xente puidese aportar os seus datos. Finalmente, unha Comisión de Toponimia da Xunta encargaríase de determinar a forma escrita oficial dos topónimos, respetando máis a pronunciación da zona ca propia normativa. 

A esta sesión do pleno da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes celebrado en Tordoia asistiron asistiron seis alcaldes da comarca de Ordes: José García Liñares (Cerceda), Miguel Prado Patiño (Frades), Mariano Iglesias Castro (Mesía), Manuel Mirás Franqueira (Oroso), Antonio Pereiro Liñares (Tordoia) e Xosé Dafonte Varela (Trazo); así como o vicepresidente da Mancomunidade e concelleiro de Ordes Manuel Astray Mariño.  

Institucional