Maniños, vila de interese turístico

Percorremos os lugares, a historia e o patrimonio desta parroquia de Fene
13 de Outubro, 2020 - 01:17 h. | Publicada por Radio Fene

Maniños é un destino turístico de interese natural e patrimonial de primeira magnitude. Guíannos por esta parroquia de Fene a técnica de turismo, Estefanía Purriños, a edil Ana Basoa e o veciño e expresidente de O Pote, Juan José Cabana.

ESCOITA O PODCAST:

A parroquia fenesa de Maniños é protagonista indiscutible hoxe do espazo que vimos adicando ao turismo nas últimas semanas. Coa edil da área, Ana Basoa, a técnica de Turismo, Estefanía Purriños e o veciño de Maniños, Juan José Cabana, achegámonos a aqueles aspectos, lugares e patrimonio cultural e arquitectónico de interese. O río Baa e a ribeira vertebran un amplo abano de obxectivos a considerar. Desde a arquitectura de indianos ata a romaría do Pote, o potencial turístico é inmenso, segundo Purriños. Fontes, muíños e lavadoiros alinéanse nas marxes do río Baa que acolleu en tempos tamén catro industrias de curtidos. Pódese facer unha ruta ao longo do río.

A emigración deixou pegada na escola de Curros Enríquez (1916), no baile e cine de Cardoeiro. De interese son tamén as dúas edificacións dos irmáns Borrás, coa torre e a casa da florista, ou a casa de Don Guillermo coa súa característica lanterna. Fáise obrigada a visita á igrexa barroca de San Salvador ou ao Pazo dos Montenegro (s. XVII) na ribeira. Os castros de Prismos e as Escadas ou o Marco de San Lourenzo, do que nos fala en detalle Purriños, merecen tamén a nosa atención.

Juan José Cabana foi un afamado xogador do Cultural Maniños e tamén presidente de O Pote durante varios anos. A el se debe o coidado do parque erixido polos Amigos das Árbores – de novo os emigrantes mirando polo pobo- que acolle nada menos que 130 especies foráneas de autóctonas. Con el seguimos a construción do campo da festa e do campo de fútbol, a creación da sociedade O Pote e da romaría do mesmo nome que chegou a ser importantísima nos anos 60 do século pasado. “Un garda civil encargado de apuntar o número de pasaxeiros que acudía á romaría en lancha contoume que nunha ocasión rexistrou 20.000 persoas”.

Para rematar, Cabana fálanos das Olimpíadas ou “Xogos Deportivos da mocidade” que organizaba o concello cada ano nunha parroquia. Maniños foi un dos destinos deses xogos que foron o berce da construción das pistas polideportivas para a práctica do deporte.

Cultura

Publica o teu comentario agora