Manolo Chazo, de Vilagarcía, expón en Madrid

Manolo Chazo, de Vilagarcía, expón en Madrid

27 de Xaneiro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Neria

A exposición dos relevos en madeira de Manolo Chazo poderá visitarse ata o venres 30 de xaneiro na Casa de Galicia en Madrid. Coñecedor da sabedoría do seu avó como ebanista, a obra de Manolo Chazo está provista dunha palpitación poética cargada dunha experiencia sensual. Chazo nace en Vilagarcía de Arousa, Pontevedra, en 1957.

A mediados dos 70, coincidindo co fin da ditadura e xunto con outros artistas novos participa activamente en numerosos acontecementos culturais e sociais. En 1977 instálase en Barcelona, descubrindo de forma directa a poesía latinoamericana do exilio. De volta a Galicia publica o poemario "Os vértices do silencio". Ao mesmo tempo coñece e convive co pintor X. Chaves e cos escultores Manolo Paz e Francisco Leiro, que marcarán a súa definitiva participación no mundo da escultura.

En 1990 constrúe en Carril o seu último taller, onde realizará a maioría da súa obra pública. Dende entón, Chazo consolidouse como un escultor versátil e refinado. A súa traxectoria debuxa a aventura dun creador infatigable que traballa con todo tipo de materiais e escalas e que a través da súa experiencia logrou unha linguaxe propia.

As súas esculturas en espazos públicos poñen de manifesto todo o seu arsenal expresivo impregnado dun simbolismo poético. Cabe destacar Porta de Luz Salgada, monumental escultura onde o aceiro cortén e o bronce dan forma ao Pórtico de entrada a Vilagarcía (metáfora das postas de sol de Punta Cordeiro, onde os raios de sol penetran no mar para volver a saír novamente como raios de luz salgada) ou Tres Ventos, dúas columnas de espírito modernista en aceiro cortén cuxo capitel se esvaece en tres elementos de bronce, obra aberta ao mar no porto de Vilagarcía, ou o Faro das Lúas, en aciero inox. no mirador de András, un balcón para escoitar a Ría e abrazar a terra.

Entre a súa obra pública recente destaca: Pombas Fúnebres (2008, Bronce. Fachada Tanatorio de Cea), Tres Ventos. (2007, Ferro e bronce. Peirao de pasaxeiros, Vilagarcía) ou Tres Copas para un poema. (2007, aceiro cortén. Nova Vila, Meis). As súas últimas exposicións individuais foron: Relevos en Madeira. (Xunta de Galicia. Madrid, 2009), Terras ventadas (Náutico Pedras Negras. O Grove, 2008), Espacio ADA. Sanxenxo, 2006.

CASA DE GALICIA | c/Casado del Alisal, 8 - 28014 Madrid | Tlf.:91 595.42.00 Fax: 91 595.42.33

Cultura