Manu Chao encabeza o cartel do festival Reperkusión

Manu Chao encabeza o cartel do festival Reperkusión

15 de Maio, 2012 - 12:00 h. | Publicada por

"Tres días e tres noites de festicultura, con circo, pasarrúas, mercadiño e moita música". Resumen así os organizadores do Reperkusión a oferta deste festival que na súa décima edición muda de escenario: deixa Allariz para instalarse na Cidade dos Muchachos de Bemposta, en Ourense. Manu Chao encabeza o cartel desta cita que, entre o xoves e sábado, ofrecerá 35 de concertos.

Todo está xa preparado en Bemposta para acoller o Reperkusión. Nos últimos días realizáronse traballos de acondicionamento para preparar os múltiples espazos nos que se desenvolve a programación do festival, espallada por rúas, prazas e espazos verdes da Cidade dos Muchachos. Na Carpa Central situarase o escenario principal, onde se celebrarán os concertos de noite, con artistas como Manu Chao La Ventura, El Canijo de Jerez + Tomasito, Kiril Dzajkovski, Dubioza Kolektiv, Funky Style Brass, Os 3 Trebóns e Festicultores Troupe, entre outros. Noutro punto do recinto colocarase o escenario de día, polo que pasarán unha ducia de grupos galegos, como Terbutalina, Pé de Boi, Chotokoeu, Güintervan, Quando Vand, La Vaga Banda...

O domo, unha estrutura de ferro na que se situaba a carpa da Escola de Circo dos Muchachos, servirá no Reperkusión como espazo para o X Encontro de Circo, con actuacións de trapecio, equilibrismo, maxia, clown e malabares. Polas rúas de Bemposta situarase o mercadiño de artesanía, instrumentos e alimentación. Ademais, o festival conta con zona de acampada para persoas que asistan con bono e o teñan reservado.

Cultura