Marisqueo ilegal

Dúas detencións
06 de Novembro, 2024 - 10:11 h. | Publicada por Radio Fene

Detidos un veciño de Fene e outro de Mugardos acusados da falsificación de matrícula en embarcacións e de marisqueo ilegal nun operativo da Garda Civil e o servizo de Gardacostas de Galicia. A Garda Civil tivo coñecemento a principio de ano da existencia dunha embarcación da terceira Lista que estaba a ser utilizada, de forma habitual e sen permisos, para a extracción de marisco. Os axentes iniciaron unha investigación que permitiu verificar que os sospeitosos movían a embarcación frecuentemente entre distintas localizacións, co fin de dificultar o seguimento por parte das autoridades.

Os detidos están acusados da alteración da matrícula da embarcación, inicialmente rexistrada como profesional, para simular outra pertencente á sétima Lista, asociada a uso recreativo, segundo se comprobou durante a investigación. Esta segunda matrícula, coincidente con outra localizada no domicilio dun dos detidos, non correspondía coa documentación orixinal da embarcación. A Garda Civil localizou a embarcación investigada, que se atopaba fondeada nun morto na zona das Xubias, na Ría do Burgo (A Coruña), e procedeu á súa aprehensión. Ese mesmo día, outra embarcación que tamén presentaba a mesma matrícula falsa foi intervida preto do domicilio dun dos sospeitosos en Mugardos. Ademais das embarcacións, interveuse un motor fora borda que tiña borrado o número de serie. Aos detidos atribúeselles un delito de falsificación de documentos públicos, oficiais e mercantís. As dilixencias foron entregadas no Xulgado de Garda de Ferrol.

Sociedade

Publica o teu comentario agora