Marta Tudanca volve a Ferrol

Marta Tudanca volve a Ferrol
22 de Maio, 2019 - 11:36 h. | Publicada por Radio Fene

A aleiro vitoriana Marta Tudanca regresa ao BAXI Ferrol tras chegar a un acordo co club departamental para a próxima tempada. A xogadora, que mide 1.82 metros, e que ten 29 anos, cumprirá a súa quinta campaña co cadro ferrolán, no que xogou desde o ano 2008 ao 2011, para retornar na liga 2013-14, ás ordes de Lino López. Desa forma, cumprirá a súa terceira etapa no equipo. Marta vén de xogar na liga alemá, nas filas do Rutronik Stars Kerltern, co que estivo a piques de gañar a liga, xa que perdeu no quinto e último partido da final ante o TC Herner.

Marta Tudanca en Radio Fene. 2008

A xogadora vasca ten unha ampla experiencia na liga Feminina, xa que militou nas filas do Bembibre, Alqazeres, Campus Promete e Araski e espera axudar ao equipo ferrolán a loitar polo ascenso. Marta comenta que "vin para ser mellor, para dar todo de min e axudar ao BAXI Ferrol, a miña segunda familia e equipo onde crecín e xoguei 4 anos, a conseguir, xunto co apoio da afección e gozando xuntos, o obxectivo do ascenso e velo onde se merece, que é na  Liga Feminina. Ademais, a xogadora engade que "quero devolver, dalgunha maneira, todo o que Ferrol me deu ..., a coidade, a súa xente, o agarimo recibido e a confianza depositada en min todos estes anos e en especial ao presidente Leopoldo Ibáñez e a súa muller Mariajo, e ao adestrador Lino López, con quen xa xoguei un ano e me axudou a medrar  profesional e persoalmente". Sobre o que espera desta quinta campaña no club, a vitoriana manifesta que "hai moitos retos ilusionantes esta tempada independentemente do ascenso. Veño dar o meu 100%, como sempre me caracterizou desde os meus primeiros pasos profesionais en Ferrol. Espero a implicación e o esforzo diario de todos os que imos formar parte deste proxecto para ir cumprindo os obxectivos e pensar que podemos ser de novo un equipo de Liga Feminina. Marta convértese na cuarta integrante do cadro ferrolán, tras as renovacións de Patri Cabrera e Natalia Rodríguez, e a fichaxe da americana Jenna Allen.
Abonados
Mentres tanto, esta tarde, entre as 19.00 e as 21.00 horas, seguirá a campaña de abonados do BAXI Ferrol nas oficinas do club, no pavillón da Malata. Máis de trescentas persoas xa forman parte da masa social do club para a próxima campaña.

Deportes

Publica o teu comentario agora