Masaxes terapéuticos para bebés na Casa da Muller

Masaxes terapéuticos para bebés na Casa da Muller

05 de Maio, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Curiosa iniciativa a que hoxe se pon en marcha na Casa da Muller de Ferrol. Dentro da programación do mes de maio anúnciase para esta tarde un taller de masaxes tradicionais indios para bebés. É o que se coñece como shantala

A orixe dos shantalas está na India. O feito de que esta técnica chegara a Occidente débese a un obstetra francés chamado Dr. Leboyer, que foi quen se encargou de exportala e introducila noutros países ao comprobar os moitos beneficios que supoñían –tanto para as nais e pais como para os  seus fillos- este tipo de masaxes.

Quen queira coñecer a técnica dos shantala terá unha oportunidade esta tarde na Casa da Muller de Ferrol onde está previsto, a partir das 5 do serán, un obradoiro gratuito de masaxes indios para bebés menores de 12 meses. Dirixido pola logopeda, psicomotricista e masaxista Clara Ferrández, neste taller organizado pola Concellería de Benestar Social, explicaranse e poranse en práctica alguns dos movementos e técnicas fundamentais dos shantala.

Segundo Clara Ferrández, os masaxes indios contribúen a fortalecer o vencello entre as nais ou pais e os seus bebés. Ademais axudan aos recén nados a adaptarse ao seu novo mundo, permiten estimular a motricidade, favorecen a relaxación, melloran a calidade do sono, reducen a incidencia de cólicos, e xeneran seguridade nos bebés.

Para a sesión desta tarde, as nais e pais interesados poden acudir cos seus fillos ao taller que se desenvolverá nas instalacións da Casa da Muller, no número 56 da rúa de Lugo.

Sociedade