A maxia abre en Fene o Ciclo Nacional de Galicia

A maxia abre en Fene o Ciclo Nacional de Galicia

11 de Xullo, 2014 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

A música será un dos elementos principais do ciclo do Día Nacional de Galicia que un ano máis organiza a Concellería de Cultura do Concello de Fene en vísperas do 25 de xullo. Ao tradicional Festival de Habaneiras que se celebrará o vindeiro martes e no que tomarán parte, coma todos os anos, as distintas agrupacións corais do termo municipal, hai que sumar desta vez un pasarrúas a cargo de Trópico de Grelos, un concerto de Ma

Todas as actividades, agás a lectura da Declaración Institucional e o pasarrúas de Trópico de Grelos, desenvolveranse na Praza do Concello onde se dará precisamente o pistoletazo de saída ao Ciclo cunha actuación do mago David Méndez o vindeiro luns 14 de xullo ás 22 horas. O espectáculo previsto, “Maxia de aquí e de acolá”, encádrase dentro do programa Camiños de Cultura da Xunta de Galicia.  

O martes 15 de xullo celebrarase a partir das 20.30 horas o IX Festival de Habaneiras coa participación das corais polifónicas CPS de San Valentín, Eterna Xuventude, SCRD O Pote de Maniños, SCRD Agarimo de Sillobre e das rondallas Estrelecer do CMI Unidade de Fene e Perla do Río do CCRD de Perlío.

Para o mércores 16 anúnciase a partir das 20.30 horas unha batucada a cargo de Trópico de Grelos polas principais rúas do concello de Fene. E ao día seguinte, o xoves 17, os protagonistas serán os maiores aos que se convida a participar nunha nova edición da Festa dos Avós. Trátase dunha “xornada de convivencia dirixida aos nosos maiores” entre os que se distribuirán gratuitamente, de 20 a 22 horas, racións de churrasco, bola e empanada. Segundo informan dende o Departamento de Cultura do Concello de Fene, a recadación que se obteña nesta Festa dos Avós pola venda das bebidas entregarase a Cáritas. E xa ao remate da xornada, ao redor das 22.30 horas, comezará o concerto de María do Ceo (Rede Cultural da Deputación).

O derradeiro día do Ciclo, o venres 18 de xullo, emprázase aos veciños/as de Fene a que asistan á lectura da Declaración Institucional do Día Nacional de Galicia fronte ao Monumento “Día da Patria Galega”.  A partir das 19 horas tomará a palabra a autora do documento, a escritora Mariola Hermida, e a continuación pechará o acto o coro infantil da SCRD Agarimo de Sillobre cunha interpretación do Himno Galego.

Sociedade