Medidas urxentes para a crise do marisqueo

Medidas urxentes para a crise do marisqueo
11 de Setembro, 2020 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Os mariscadores de Ferrol, Barallobre e Mugardos reclaman unha solución á grave crise que padecen. A caída drástica da produción de ameixa acelerouse pola aparición dun parásito nas Pías, o principal banco da ría.

ESCOITA O PODCAST:
Ribeira de Barallobre

Os traballadores reclaman a opción de acollerse a unha prestación mentres non melloran as condicións biolóxicas dos bancos e se recupera a actividade. De decretarse o cese da actividade ou paro biolóxico, soamente un cinco por cento dos mariscadores poderían acollerse ás prestacións.

A CIG esíxelle á Consellaría do Mar que adopte de xeito inmediato as medidas precisas para que a Ría de Ferrol volva ser un piar fundamental na economía da comarca. Son innumerables os problemas que ten a ría dende hai anos sen que a administración teña actuado, indica o Secretario Confederal de Emprego, Industria e Saúde Laboral da CIG, Francisco Xabier Cartelle.

O saneamento integral da Ría de Ferrol é unha necesidade acuciante e dende a CIG consideran que a Xunta de Galiza debe tomar en serio esta problemática dunha vez por todas e elaborar un Plan Integral de recuperación da Ría de Ferrol para o marisqueo, xa que é un motor xerador de emprego que se atopa deixado á man. Cartelle insiste en que, mentres non se arbitran estas medidas, é preciso darlle cobertura económica ás persoas que viven do sector e non poden traballar agora mesmo.

Sociedade

Publica o teu comentario agora