Estará presente no Culturgal, por primeira vez como tal, a Asociación de Medios en Galego (AMEGA). A entidade, formada por 12 grupos de comunicación unidos pola nosa lingua, terá o seu posto na Feira das Industrias Culturais de Galicia, que se desenvolverá no Pazo da Cultura de Pontevedra os días 4, 5 e 6 de decembro de 2015.
A AMEGA terá o seu posto no que ademais de explicar aos visitantes a filosofía dos medios que forman a entidade, realizarán varias emisións en directo a través da rede, que se poderán seguir dende a web da asociación: mediosengalego.gal. Varios responsables dos medios da Asociación participarán nun debate sobre a situación da nosa lingua na media galega. Estarán presente representantes de Valmiñor.info, A Nova Peneira, Galicia Confidencial, Tempos Novos, Sermos, Que pasa na Costa e a Rede de Emisoras Municipais Galegas RadioFusión.
Paralelamente realizarán varias conexións en directo facendo un pecorrido por toda a Feira e diferentes entrevistas a protagonistas da escena cultural galega.
A AMEGA está formada polos seguintes medios: Radio Fusión-Rede de Emisoras Municipais Galegas, Galicia Confidencial, Praza, Sermos Galiza, Tempos Novos, Novas da Galiza, A Nova Peneira, Valmiñor.info, Que pasa na Costa, A Voz de Vilalba, Crónica 3 e Terra Cha Xa.