Meigas sabias e mulleres boas

Meigas sabias e mulleres boas
04 de Novembro, 2022 - 12:57 h. | Publicada por Radio Fene

Desde hai uns días pode visitarse na Galería da Casa do Concello a exposición “Meigas, sabias e mulleres boas”, que permanecerá en San Sadurniño até o próximo 15 de decembro. Trátase dunha colección coa que a ceramista fenesa Carme Romero reivindica o importante papel das meigas na sociedade galega. Meigas menciñeiras, sanadoras do corpo e do espírito; meigas conselleiras; meigas sabias, fortes e libres cuxa figura imprescindible, sobre todo no rural, bateu durante séculos co patriarcado e o poder eclesiástico, aos que máis recentemente se lle engadiu no imaxinario colectivo o estereotipo da bruxa malvada representado no cine e na literatura.
 

Fotografía: Cesar Galdo

A mostra inaugúrase hoxe venres ás 19:00h nun acto aberto ao público conducido pola profesora Pilar Vázquez que tamén terá parte musical a cargo da guitarrista Iria Quintía e a zanfonista Candela Quintía. A exposición está aberta nos horarios de atención ao público das oficinas municipais. Ademais, todos os venres a partir do 11 de novembro tamén se poderá visitar de 16:30 a 19:30h tendo á propia Carme Romero como guía de excepción para todas aquelas persoas que queiran achegarse á súa obra e á súa visión sobre as nosas meigas.

Cultura

Publica o teu comentario agora