ACTUALIDADE
-
Novas
Novas sobre programas, emisoras,... Todo o mais actual e de interese nesta sección.
-
Radio á carta
Escoita online os podcasts dos teus programas favoritos de Radiofusion.
Praza Alcalde Ramón Souto s/n, 15500 Fene (A Coruña) Galicia - Tfno. 981 492 773 - noticias@radiofusion.eu
O Concello de Fene vén de iniciar o proceso de licitación das obras de mellora da rúa da Fonte en Limodre, cun orzamento base de 156.960,05 euros, e financiamento con cargo ao POS+ Adicional 2/2025 da Deputación da Coruña. As empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o 12 de febreiro. Na actualidade, a rúa da Fonte presenta un importante desgaste do firme, con diversas irregularidades provocadas polo intenso tráfico que soporta, especialmente nos meses de verán, e tamén polas condicións climatolóxicas, o que afecta tanto á comodidade como á seguridade da circulación.

O proxecto contempla a renovación integral do pavimento, mantendo a canalización de augas fecais existente e mellorando a recollida de augas pluviais mediante a instalación dunha nova rede canalizada con colectores de PVC, así como os correspondentes pozos e sumidoiros. Deste xeito, dotarase ao vial dun sistema de drenaxe máis eficiente, evitando a acumulación de auga nos límites da calzada e reducindo o deterioro futuro da vía.
A intervención inclúe tamén a ampliación da sección de paso en determinados treitos, co obxectivo de mellorar a accesibilidade ás vivendas e optimizar o tránsito tanto de vehículos como de peóns, reducindo riscos derivados das irregularidades actuais e reforzando a seguridade viaria.
A alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, destacou a relevancia desta actuación nunha rúa que “presta servizo directo a numerosas vivendas unifamiliares e funciona tamén como vía de acceso a algunhas das principais praias do concello, polo que a súa mellora é unha prioridade tanto para a mobilidade cotiá como para o atractivo turístico do municipio”. A rexedora subliñou ademais que se trata dunha obra “necesaria e agardada pola veciñanza, que permitirá gañar en seguridade e calidade urbana”.
Pola súa banda, o concelleiro responsable da Mesa de Contratación, Manuel Polo, salientou a urxencia de executar esta intervención e asegurou que desde o Concello “vanse axilizar todos os trámites para que a obra poida adxudicarse canto antes e iniciar os traballos no menor prazo posible”. Polo indicou tamén que esta actuación “forma parte da estratexia municipal para mellorar progresivamente as infraestruturas viarias en todas as parroquias”.
Desde o goberno local incídese en que esta obra, que unha vez contratada terá un prazo de execución de catro meses, supón un avance importante na modernización da rede viaria municipal, mellorando a seguridade, a accesibilidade e a calidade de vida da veciñanza, especialmente nunha zona de tránsito habitual e de conexión con espazos de interese do litoral fenés, como as praias de Rio Sandeo, Coido, Almieiras e Río Castro.
Publica o teu comentario agora