Mellora dos accesos ao parque empresarial

Mellora dos accesos ao parque empresarial
18 de Outubro, 2022 - 05:31 h. | Publicada por Radio Fene

O Concello de Fene adxudicou recentemente en 112.410 euros as obras de mellora dos accesos ao  Vilar do Colo desde o cemiterio municipal e desde a estrada dos Casais. Dúas vías secundarias moi utilizadas por persoas traballadoras e tamén por veciñanza en xeral que acode aos distintos servizos dispoñibles no polígono. De feito, o proxecto adxudicado a Canarga Construcciones S.L.  prevé mellorar a seguridade nun tramo da Rúa das Áncoras e, en colaboración co Concello de Cabanas,  tamén a rotonda de acceso á vía rápida VG-1.2 e á AP-9.

Fotografía: Cesar Galdo

Tal e como se describe no proxecto, o obxectivo das obras de aglomerado é mellorar as comunicacións do polígono con núcleos de poboación próximos, como é o caso de Romariz, A Brea de Barallobre, a Pomba, A Loira, Ribeiroa, O Cocallo, Os Casais e outros distribuídos polas parroquias de Barallobre e Maniños, utilizados tanto por traballadoras e traballadores como por persoas usuarias dos servizos que se atopan no Vilar do Colo.

 

De feito, tal e como sinala o alcalde, Juventino Trigo, "dun tempo a esta parte notouse un considerable incremento do tráfico que aconsella acondicionar os accesos norte e oeste, repoñendo o firme e tamén a sinalización". E é que, segundo explica o rexedor, as pistas interiores son utilizadas "por moitas veciñas e veciños para ir repostar, para facer compra aos espazos comerciais, para levar o coche ao taller ou para ir a outros establecementos que hai no polígono, sen contar que tamén lles é o camiño máis curto para coller a autoestrada".

 

Así, a obra contempla o aglomerado da pista de acceso norte que enlaza o cemiterio municipal co polígono, ampliando ademais as gabias de cemento existentes. Xa no recinto industrial, o programa recolle a renovación da sinalización horizontal e vertical de parte da Rúa das Áncoras así como a adaptación de tres pasos peonís -un deles na Rúa da Xesta-  rebaixándolles a beirarrúa para cumprir coa normativa de accesibilidade. 

 

A empresa adxudicataria tamén acondicionará o firme aglomerado en toda a rotonda de acceso á vía rápida e á AP-9, asumindo Cabanas o importe correspondente a aproximadamente un cuarto da superficie que se atopa no seu territorio. "Xa está falado co Concello de Cabanas e coordinado coa empresa, que aglomerará a rotonda completa e logo facturaralle ao concello veciño os metros que caen no seu territorio, que son moi poucos e de escaso importe".

 

Por outra banda, o proxecto técnico tamén contempla a reparación do denominado "Acceso Oeste", que vén sendo case medio quilómetro de pista que sobe desde o cruzamento dos Casais ata conectar coa rotonda inferior do polígono. Trátase doutra vía "moi transitada", xa que recolle o tráfico procedente da estrada da Armada e do CEIP Plurilingüe Os Casais, situado uns metros máis abaixo.

 

Desde o Goberno local sinálase que con estas tres intervencións "complétanse os accesos inmediatos ao polígono desde as principais vías de titularidade municipal", posto que o Concello tamén reparou hai uns anos a estrada que conecta Vilar do Colo coa estrada da Armada en Limodre.

 

Institucional

Publica o teu comentario agora