Mellora o paseo de San Valentín

Mellora o paseo de San Valentín
24 de Setembro, 2026 - 02:39 h. | Publicada por Radio Fene

O Concello de Fene renova medio milleiro de táboas na pasarela de San Valentín e prepara novas melloras. A alcaldesa, Sandra Permui, e o concelleiro de servizos, Adán Chao, supervisaron os traballos realizados nas últimas semanas nesta infraestrutura. O Concello traballa tamén na valoración económica da futura substitución da varanda e reclama á Xunta o mesmo compromiso coa conservación deste espazo.

O Concello de Fene vén de completar unha nova actuación de mantemento e conservación na pasarela de San Valentín, na que durante as últimas semanas se substituíron preto de 500 táboas de madeira. A alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, e o concelleiro de servizos, Adán Chao, visitaron a zona para comprobar o resultado dos traballos desenvolvidos polo Concello e avaliar as próximas intervencións necesarias nun espazo moi utilizado diariamente pola veciñanza. Nos últimos meses xa se acometeran diferentes reposicións de táboas deterioradas e traballos de mantemento no noiro. “Estamos falando dun espazo moi utilizado pola veciñanza de San Valentín e do conxunto de Fene e, por iso, consideramos imprescindible actuar de maneira continuada para mantelo nas mellores condicións posibles”, sinalou Sandra Permui. A alcaldesa destacou que “o traballo destas semanas supuxo unha intervención importante, coa renovación de preto de 500 táboas, que permite mellorar tanto a conservación da pasarela como a seguridade das persoas que a utilizan”.

Falta implicación da Xunta

Anunciou tamén que a intervención municipal non rematará con estes traballos. O goberno municipal está xa a traballar na valoración e orzamentado da futura substitución da varanda de protección da pasarela, co obxectivo de coñecer o alcance económico da actuación e poder planificar a súa execución. O Concello lembra que a conservación da pasarela é unha cuestión na que interveñen tanto a administración municipal como o servizo de Costas da Xunta. E o Goberno local considera que a implicación do Concello non ten unha resposta equivalente por parte da administración autonómica.

 

Institucional

Publica o teu comentario agora