Mellorouse o acceso á praia de Almieiras

Mellorouse o acceso á praia de Almieiras
21 de Agosto, 2026 - 10:03 h. | Publicada por Radio Fene

Mellorouse o acceso á praia de Almieiras en Limodre. O Concello de Fene vén de concluír as obras de mellora executadas en diversos camiños municipais ao abeiro do plan de conservación da rede viaria
secundaria, unha actuación que permitiu renovar o estado do firme e mellorar as condicións de seguridade e circulación.

As intervencións desenvolvéronse nos camiños de Fontelonga, Sartego–Parque Castelao,
Almieiras, os accesos en Sartego e o camiño entre a estrada do Peirao e O Souto, onde os
traballos xa están completamente rematados. No caso do vial situado en Sillobre, xunto ao
cemiterio e á avenida do Doutor Sixto Mauriz, a actuación atópase na súa fase final e está
previsto que conclúa a finais deste mes.
Os traballos consistiron na limpeza e preparación das superficies, o reforzo estrutural dos
firmes, a aplicación de tratamentos superficiais bituminosos e a renovación da sinalización,
adaptando cada intervención ás características específicas de cada tramo para garantir unha
solución duradeira.
A alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, destacou que "seguimos cumprindo co compromiso de
actuar de maneira continuada sobre a rede viaria municipal, mellorando aqueles puntos que
presentan un maior deterioro e respondendo ás necesidades que nos traslada a veciñanza". A
rexedora lembrou que "o mantemento dos camiños é un traballo constante que require
planificación e continuidade, polo que o noso obxectivo é seguir avanzando ano tras ano".
Pola súa banda, o concelleiro de servizos, Adán Chao, explicou que "estas actuacións
permitiron mellorar a seguridade e a transitabilidade en varios puntos do municipio,
prolongando a vida útil dos firmes e reducindo a necesidade de intervencións puntuais".
Ademais, avanzou que "os servizos técnicos municipais xa están traballando na planificación
dunha nova remesa de actuacións para continuar mellorando a rede viaria secundaria".
Desde o goberno local subliñan que o estado dos camiños municipais require un traballo
continuado ao longo do tempo, polo que estas intervencións forman parte dun plan
permanente de conservación e mantemento. Neste sentido, o Concello continuará
identificando novos puntos de actuación para desenvolver futuras fases de mellora, co
obxectivo de ofrecer unha rede viaria máis segura, funcional e adaptada ás necesidades da
veciñanza.

Institucional

Publica o teu comentario agora