Memoria viva

Memoria viva
29 de Setembro, 2022 - 02:38 h. | Publicada por Radio Fene

"Exemplo de como se pode derrubar a muralla". "Unha batalla importante que deu o pobo de Ferrol na loita pola liberdade". José María Riobó e Manuel Amor Deus describen así, nun documental de Beatriz del Monte, a loita obreira que cristalizou no 10 de marzo de 1972. Recordámola por iniciativa das asociacións Fuco Buxán e Memoria Histórica Democrática que contaron co apoio do Concello de Fene nun acto celebrado na Casa da Cultura, onde se proxectou  o documental e foi presentado un libro conmemorativo.

ESCOITA O PODCAST:

Honrar a memoria dos que se sacrificaron pola liberdade. Numeroso público reuniuse o mércores á tardiña na Casa da Cultura de Fene para asistir á presentación do libro “10 de marzo: un conflito do movemento obreiro pola democracia”, de varios autores e coordinado polo historiador José Gómez Alén. Cincuenta anos despois dos feitos que supuxeron un antes o un despois no movemento obreiro galego e na loita polas liberdades, Sari Alabau declaraba a Radio Fene que os sentimentos hoxe son agridoces. Celebra que non caia no esquecemento a loita dos traballadores, pero lembra aos que xa non están. A profesora, militante do PCG e hoxe presidenta de Asfedro lembra con moito pesar que viu a Amador Rey xa morto, no hall do sanatorio San Javier, onde os levaran os compañeiros coa ansia de salvarlle a vida. Mentres, Daniel Niebla fora trasladado á Coruña. Destaca tamén a resposta cidadá. Ferrol paralizado mentres a policía patrullaba polas rúas con metralletas. Foi, di, o principio dos coletazos finais do franquismo.

Facer memoria para que non caia no esquecemento. É o que defende o alcalde de Fene, Juventino Trigo, que percibe con preocupación a desinformación da xente nova sobre uns feitos decisivos para conseguir a liberdade e a democracia. Moita xente nova non sabe o que pasou en Ferrol en marzo de 1972 e en setembro en Vigo. Dá que pensar. Di o alcalde, que daquela era un neno. A el e ao resto de escolares mandáronos marchar para a casa. Coa indicación de ir calados e non entreterse xogando polo camiño. Trigo sostén que manter a memoria viva é algo que todos os que gozamos de liberdade lle debemos aos que loitaron nos tempos escuros da ditadura, moitos deles veciños e veciñas de Fene.

Sociedade

Publica o teu comentario agora