As mentiras de Emma Pedreira reciben o premio “Concello de Carral” de poesía

As mentiras de Emma Pedreira reciben o premio “Concello de Carral” de poesía

25 de Maio, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Culleredo

O premio do Certame de Poesía “Concello de Carral” entrégase este venres de xeito simultáneo á  presentación do libro que resultou gañador na edición 2010. O acto comprenderá a entrega do premio a Emma Pedreira que resultou vencedora na presente edición co seu poemario “Libro das mentiras”, e a presentación do libro “As crebas” de Miro Vill

Emma Pedreira recibe o premio concedido polo xurado formado por Olga Patiño, Miro Villar e Xulio López Valcárcel, presidido pola concelleira de Cultura Mª José García Fariña, e como secretario Carlos Lorenzo. O xurado salientou do "Libro das Mentiras” a súa orixinalidade, facendo un diálogo e reescritura dos contos tradicionais infantís; a súa expresividade, cunha gran brillantez das figuras literarias e un gran equilibrio entre contido e continente, un ton auténtico e fluído, resultando no seu conxunto un libro unitario de corte novidoso, intelixente e reflexivo.

Pedreira é unha poeta encadrada na Xeración dos 90. En 1999 obtivo o Premio Faustino Rey Romero e Premio Eusebio Lorenzo Baleirón, aos que seguiron: Premio Johán Carballeira (2000), Premio Fermín Bouza Brey (2001), Premio Modesto R. Figueiredo e Certame Manuel Murguía de narracións breves (2002), Premio de poesía Fiz Vergara Vilariño (2005). En 2010 gañou o IX premio de poesía Novacaixagalicia coa obra "Antítese da ruína".
.
Pola súa banda Miro Villar presenta o poemario co que gañou o certame de Carral no 2010, vendo aumentado un extenso listado de libros publicados, tanto de poesía como de narrativa, ensaio ou traducións. Ámbolos dous autores forman xa parte dunha envexable relación de poetas premiados no certame “”, entre os que figuran Baldo Ramos, Eduardo Estévez, Rafa Villar, Lucía Novas, Marcos Calveiro ou Isidro Novo entre outros.

Pechará o acto unha actuación poético-musical de Iulius XIII, con poemas de Eli Ríos, Lois Pereiro e Emma Pedreira. A cita na Casa da Cultura, ás 20:30 h, e inclúese na programación de Letras Galegas 2011.

Cultura