Mergúllanse na historia

Mergúllanse na historia
03 de Abril, 2026 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Buscan no fondo do mar restos da nosa historia que son un tesouro cultural. Unha campaña de arqueoloxía submariña rastrexa os fondos mariños para localizar pecios históricos no Golfo Ártabro. Dirixe os traballos o arqueólogo Cristóbal Nodar, co que falamos en Radio Fene.

ESCOITA O PODCAST:

Unha campaña de arqueoloxía submariña, na que colaboran Xunta, Policía Adscrita de Galicia e Armada, rastrexa os fondos mariños do Golfo Ártabro. Van xeolocalizar os achados que atopen en dez zonas nas que hai sospeita da existencia de restos de naufraxios con valor histórico. A campaña comezou na enseada de Cariño, onde as investigacións apuntan que podería atoparse o pecio do Galeón Regazona, un dos buques da Armada Invencible. Trátase dun galeón do ano 1588 que destacaba tanto polo seu tamaño como polo seu armamento ao contar con 32 canóns de bronce. O director da campaña, o arqueólogo Cristóbal Nodar, explica que a historia do Regazona foi estudada na tese doutoral de Miguel San Claudio. “Parece que intentaron varar o galeón nunha zona na que puideran intentar salvar o barco, pero ao final perdeuse”. Agora traballase, por encargo da Consellería de Cultura, para xeoreferenciar os materiais que aparezan. “Son dez puntos, cada un con diferentes materiais dos que hai referencia, o obxectivo é xeolocalizalos para que vaian ao catálogo de xacementos arqueolóxicos subacuáticos da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural”, indicou Cristóbal Nodar.



 

Sociedade

Publica o teu comentario agora