ACTUALIDADE
-
Novas
Novas sobre programas, emisoras,... Todo o mais actual e de interese nesta sección.
-
Radio á carta
Escoita online os podcasts dos teus programas favoritos de Radiofusion.
Praza Alcalde Ramón Souto s/n, 15500 Fene (A Coruña) Galicia - Tfno. 981 492 773 - noticias@radiofusion.eu
Facebook
Twitter
Actos culturais polas rúas, unha exposición itinerante, recitais e mesmo un Congreso Internacional, estas son algunhas das actividades que ten previstas o programa “2011, Ano Cunqueiro”, conmemorativo do centenario do nacemento do escritor galego. Así o anunciaron o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, e o Conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, na presentación do programa.
Ao acto de presentación asistiron tamén representantes das outras institucións integradas na Comisión que preparou o programa: as Universidades de Vigo, A Coruña e Santiago, a Real Academia Galega e os Concellos de Mondoñedo e Vigo. Asemade, colaboran na organización das actividades a Deputación de Lugo, a Escola Superior de Arte Dramática, a Fundación Cidade da Cultura, a Sociedade Estatal de Conmemoracións Culturais e a Axencia Galega de Industrias Culturais (AGADIC).
O programa dará comezo entre os días 21 e 26 do vindeiro mes de febreiro en Vigo, con actividades na rúa e lecturas dramatizadas de textos do escritor mindoniense. Entre os meses de marzo e abril Compostela acollerá unha exposición sobre o escritor, un recital poético-musical da man de Amancio Prada e o acto literario “Cunqueiro, a maxia da palabra”, no ciclo “Galicia, ceo das letras”. Será no mes de maio cando se inaugure, tamén na capital galega, unha exposición itinerante sobre Cunqueiro que percorrerá, ata decembro, o concello de Mondoñedo e as principais cidades de Galicia, acompañada coa organización faladoiros sobre diferentes aspectos da súa obra.
Entre os días 28 de setembro e 1 de outubro terá lugar o Congreso Internacional “Mil e un Cunqueiros” coas conferencias previstas de César Antonio Molina, John Rutherford e Xosé Luís Méndez Ferrín. O programa tamén ten previsto actividades fóra da nosa comunidade, cunha versión reducida da exposición itinerante nalgúns centros do Instituto Cervantes e con actos literarios en Madrid e Barcelona.
Un recital poético do autor en Compostela, un acto conmemorativo do ingreso do escritor na Real Academia Galega en Mondoñedo, un roteiro cunqueirano, a posta en escena de O incerto señor Hamlet da man de Sarabela Teatro, un filme documental dirixido por Antón Reixa ou unha exposición sobre Cunqueiro e a gastronomía, organizada pola Fundación Cidade da Cultura, son algunhas das actividades que completan este programa. As actividades rematarán o día 22 de decembro en Mondoñedo con actos de animación cultural polas rúas.