Miró. Unha colección

Miró. Unha colección
11 de Novembro, 2020 - 01:00 h. | Publicada por Radio Fene

A Fundación Barrié presenta a exposición MIRÓ. UNHA COLECCIÓN, con 47 obras de Joan Miró (Barcelona, 1893 – Palma de Mallorca, 1983), un referente ineludible na historia da pintura europea e un dos artistas máis influentes do século XX. Pintor, escultor, ceramista e gravador, foi un dos máximos expoñentes do Surrealismo e un dos artistas españois con maior proxección internacional, cuxa obra chegou a exercer gran influencia tanto sobre os seus contemporáneos como sobre as xeracións posteriores.

Tête, oiseau / Cabeza, pájaro, 1976. Joan Miró

Con esta exposición a Fundación Barrié retoma a súa liña de exposicións temporais de pintura de interese histórico que pretende achegar a Galicia o mellor da arte nacional e internacional. Neste marco presentáronse mostras de grandes artistas como Pablo Ruiz Picasso, O Greco ou Joaquín Sorolla, entre outros.

40 das obras proceden da Colección que a Fundación MAPFRE mostra no seu «Espazo Miró» en Madrid, cedidas por diferentes propietarios como depósito temporal. A selección destas obras está composta por 35 pinturas ao óleo sobre diferentes soportes, 2 debuxos e 2 acuarelas con tinta chinesa. Aínda que na súa maioría trátase de pezas das últimas décadas, poderemos atopar pinturas de diferentes períodos e con distintos motivos: constelacións, mulleres, paxaros, estrelas e outro tipo de personaxes.

Desta maneira pódese ver como Miró retoma continuamente os mesmos temas, dándolles unha nova vitalidade. Quizá o que máis caracteriza esta colección é que, aínda que por unha banda presenta as últimas décadas na traxectoria artística de Miró —un período máis descoñecido e que só recentemente comezou a recibir a atención e o entusiasmo da crítica—, por outro, expón case todos os temas que interesaron ao artista desde os seus inicios. Moitas veces trátase dunha especie de reencontro con eles, o que permite outorgarlles un sentido máis pleno.

As outras 7 obras que se mostran, procedentes de coleccións públicas e privadas, únense a esta exposición co fin de contextualizar o seu proceso creativo e aproximar a figura e obra de Miró ao público dunha forma máis didáctica. Para iso crearase un espazo que acollerá a escultura de bronce Tête de Femme, de 1974. A obra final estará acompañada por todas as pezas que a preceden, como os debuxos preparatorios, o modelo en arxila pintada, primeiro, e os modelos en xeso, despois. Desta forma o visitante ten a ocasión de acompañar ao artista ao longo do seu proceso creativo, desde o seu pensamento plasmado en debuxos con poucos trazos ata a obra culminada.

Exposición organizada por Fundación Barrié en colaboración con Fundación MAPFRE

Lugar: Fundación Barrié. Cantón Grande, 9. 15003 A Coruña

Fechas: 30 de enero – 16 de mayo de 2021 

 

Imaxe: Joan Miró. Tête, oiseau / Cabeza, pájaro, 1976. Óleo sobre lienzo. 65 x 54 cm. Colección Particular en depósito temporal. ©Successió Miró 2020

Nota de prensa da Fundación Barrié.

Cultura

Publica o teu comentario agora