A MIT de Ribadavia máis colaborativa abre foros para a reflexión sobre teatro e sociedade

A MIT de Ribadavia máis colaborativa abre foros para a reflexión sobre teatro e sociedade

16 de Xullo, 2015 - 12:00 h. | Publicada por

A 31ª edición da Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia volverá ser entre o 18 e o 25 de xullo un referente do teatro contemporáneo internacional e nacional, compartindo estratexias e colaboracións con eventos cercanos en datas e afíns artisticamente, que poidan redundar na eficiencia e na optimización de recursos, pero procurando manter sempre a súa independe

Comparecen nesta edición da MIT 21 espectáculos de compañías procedentes de Francia, Italia, Chile, Portugal, Arxentina, Cataluña, Andalucía, Madrid, Castela-León ou Galicia. Pero non só os espectáculos teñen protagonismo na MIT, tamén a novidosa iniciativa que se porá en marcha nesta edición baixo a denominación “Foros da MIT Ribadavia“, un coidado espazo para o debate, entrevistas e obradoiros cos creadores e usuarios que visitan a capital do teatro galego e que intercambiarán a súa experiencia e relación coa sociedade actual, coa política, coa economía e co sistema cultural en foros abertos a toda a cidadanía, moderados por xornalistas, profesores, políticos ou distintos axentes sociais e artísticos. O Foro da MIT Ribadavia quere ser a manifestación latente dun dos obxectivos que a Mostra leva perseguindo nos últimos anos, de empoderamento da sociedade en relación co discurso crítico sobre a arte e a organización social. Os foros abertos tamén queren evidenciar o feito non crematístico do festival, a filosofía de irradiación daquilo que conclúe nos espazos de exhibición e nas canles de divulgación, na busca de novos espectadores e no compromiso coa innovación e o progreso da diversa e novidosa produción teatral contemporánea, facéndoa así mesmo máis accesible para todos os espectadores e espectadoras.

O deseño do cartel, obra do escenógrafo Diego Valeiras, afianza a identidade gráfica da MIT, empregando a planta dun teatro para compor unha imaxe dun paxaro na frondosidade dunha paisaxe verde, cun obxecto protagonista denominado vivarium, elemento para gardar e criar animais ou prantas para a observación ou a investigación. Frecuentemente, nos vivarios simúlase, nunha pequena escala, unha porción do ecosistema dunha particular especie coas súas condicións ambientais. Unha boa manifestación, suxerente da filosofía dun festival internacional, sempre na procura, con renovadas inquedanzas, mais con raíces no pouso da súa historia, do seu contexto e do seu tempo.

Cultura