A mitoloxía urbana

A mitoloxía urbana
22 de Marzo, 2021 - 07:00 h. | Publicada por Radio Fene

É de todos coñecida a decisiva vinculación da historia de Ferrol e a súa comarca ao sector naval, na orixe da cidade e no desenvolvemento posterior, sempre condicionado pola traxectoria irregular do sector, sexa da construción civil ou militar. O progreso acadado durante a ditadura franquista polos dous grandes estaleiros que aseñoran na ría de Ferrol, Astano e Bazan, proporcionou unha expectativa de futuro ás xeracións do franquismo, permitiu un extraordinario desenvolvemento demográfico e económico da comarca e xerou modalidades de vida e comportamento que teñen alimentado unha “mitoloxía urbana” arredor do obreiro de Bazan e Astano, afirma a profesora da Universidade da Coruña Carmen Fernández Casanova.

ESCOITA O PODCAST:
Mural de Ito Mosquera. San Valentín "Mar e ferro"

A cooperativa de San Valentín constitúese para intentar paliar o problema da vivenda. Non había suficientes domicilios na zona para albergar aos traballadores de Astano, segundo lembra Xesús Diaz, que foi directivo da cooperativa. Maximino Souto Balado dirixía a Hermandad Obrera de Acción Católica en Astano na década de 1960. Era enlace e xurado de empresa e propiciaba asembleas, información e incluso algún paro. No verán de 1966 formase unha comisión obreira para negociar coa empresa. Redactouse un documento no que os traballadores manifestaban o seu descontento pola conxelación dos soldos e polo encarecemento da vida entre os anos 1962 e 1966, segundo apunta Leonardo Rei no seu libro “Astano, a empresa, a comisión obreira e a conflitividade”.
En San Valentín constrúense entre 1970 e 1975 un total de 640 vivendas da cooperativa. Astano exerce o papel de polo de atracción e configurase un espazo de alta densidade demográfica e de edificación. San Valentín contaba con 2337 habitantes en 1981. Hoxe, corenta anos despois viven no barrio 1315 persoas. O barrio cumpre cincuenta anos e Radio Fene quere conmemoralo cun programa denominado “Mar e ferro”. Emitirase o vindeiro mércores 24 de marzo ás 9,30 da mañá. No 107.7 da FM e na web radiofusion.gal

Sociedade

Publica o teu comentario agora