Mobilizacións por outra saída á crise

Mobilizacións por outra saída á crise

26 de Febreiro, 2014 - 12:00 h. | Publicada por Radio Burela

O Observatorio da Mariña pola Igualdade apoia as mobilizacións que desde Alianza Social Galega se convocaron nas sete cidades galegas e en diversas vilas, para o vindeiro xoves 27 de febreiro, baixo o lema “por outra saída da crise”. O que se pretende con estas mobilizacións, tal e como explicaron en rolda de prensa desde Alianza Social Galega, é buscar unha resposta colectiva ás nefastas políticas antisociais que impoñen os gobernos

Desde Alianza Social Galega denunciaron que os gobernos de Rajoy e Feijoo impoñen cada día novos e constantes recortes, entre os que salientan unha reforma laboral estéril e moi prexudicial para @s traballador@s, recortes nas pensións, retrocesos no ensino público, agresións á sanidade pública, paralización e marcha atrás na aplicación da Lei de Dependencia, privatización dos servizos públicos municipais ou ataque aos dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres, entre outras.

Ante esta situación crítica, o Observatorio apoia  o chamamento que se fai desde Alianza Social Galega de  saír masivamente ás rúas o próximo xoves 27 para manifestar a oposición da cidadanía a estas políticas e reclamar outra máis xustas e solidarias que beneficien ao conxunto das galegas e dos galegos e non só a aqueles que provocaron a crise.
As manifestacións terán lugar nas sete cidades galegas e en diversas vilas, sendo a da Mariña ás 19.30h na Praza do Concello de Burela.

Sociedade