Mocidade comprometida co medioambiente

Mocidade comprometida co medioambiente
29 de Agosto, 2022 - 12:10 h. | Publicada por Radio Fene

O 85% da xente nova considera que o cambio climático afecta a súa vida diaria. A maioría das mozas e mozos toman medidas para reducir o seu impacto ambiental, segundo a enquisa realizada polo proxecto europeo ‘People & Planet: un destino común’, que apoia á mocidade para que se convertan en axentes de transformación na busca dun mundo máis sustentable, en sintonía co ODS 13.

 

Tres de cada catro mozas e mozos europeos consideran que o cambio climático afecta a súa vida diaria e a súa saúde, segundo se desprende da sondaxe realizada no marco da iniciativa People & Planet. A porcentaxe elévase ata o 85% en España, onde a grande maioría das persoas enquisadas eran galegas, ao ser o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade o único socio do proxecto en todo o Estado. A nosa mocidade estima que os problemas ambientais con maior impacto na súa vida persoal son os incendios forestais (74%), a contaminación do aire (63%) e a seca (58%), mentres que o desxeo dos glaciares ou a subida do nivel do mar aprécianse como menos prexudiciais. Os lumes e a falta de auga son percibidos tamén como as cuestións medioambientais que máis afectan ao país en xeral, xunto coa perda de biodiversidade. O 93% da xente nova é consciente ademais de que a emerxencia climática ten a súa orixe na actividade humana. “Gustaríame atopar o xeito de unir á xente na procura do ben común, aínda que ás veces sexa difícil. Se é o correcto, hai que facelo”, sostiña unha das respostas recibidas. No referente ás accións individuais para favorecer a sustentabilidade, en boa medida fan referencia ao aforro de auga, xa que o 83% das mozas e mozos pechan a billa mentres lavan os dentes e o 78% opta por ducharse no canto de tomar un baño. Ademais, o 61% sempre recicla e o 32% ás veces.O cuestionario preguntaba tamén sobre os temas que espertan máis consenso entre a xente nova á hora de unirse a campañas de incidencia política, nos que o cambio climático se sitúa á cabeza (74%), seguido pola discriminación de calquera tipo (72%), o acceso á educación (71%) e aos servizos de saúde e benestar (64%). Neste senso, apréciase unha ligazón entre o compromiso social e medioambiental. “As accións que realizo na casa non teñen o mesmo impacto que as que pode desenvolver un goberno, pero eu podo entender cales son as consecuencias das miñas decisións como consumidora, do que como, do que merco e como reducilo ou compensalo”, engadía unha das participantes. A enquisa ‘Mocidade europea e cambio climático: unha liña de base comunitaria’ desenvolveuse o ano pasado nos oito estados membros da Unión Europea que participan no proxecto People & Planet e na campaña Water of the Future. O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 100 concellos e as deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento.

 

Na fotografía, mocidade do consello climático de As Neves

 

Sociedade

Publica o teu comentario agora