A modernidade de Blanco Amor tamén asomaba a través do obxectivo

A modernidade de Blanco Amor tamén asomaba a través do obxectivo

23 de Xaneiro, 2015 - 12:00 h. | Publicada por Radio Allariz

Retratou o mundo coas súas verbas, pero tamén con imaxes. Recoñecido escritor e xornalista, Eduardo Blanco Amor foi tamén o autor de milleiros de fotografías, que pese a “estar un tanto esquecidas e ser consideradas como unha produción menor”, ían máis aló do atribuíble a un fotógrafo afeccionado para reflectir “coas ferramentas plásticas da imaxe, o que a palabra de Blanco

“No caso de Blanco Amor, é patente a unión entre a fotografía, a literatura e a experiencia vital”, destaca Mene, que na súa tese de doutoramento O ollo cazador. Sobre a fotografía de Eduardo Blanco Amor, dirixida polos profesores Mar Caldas e Xosé Manuel Buxán, describe a obra fotográfica do ourensán como “unha ollada ao mundo que lle tocou vivir, un rexistro das súas viaxes, interiores e exteriores, e tamén un instrumento para enfrontarse ao mundo”. Para a súa investigación, Mene analizou tanto a obra narrativa de Blanco Amor como os milleiros de fotografías que realizou ao longo da súa vida, recollidas principalmente no Arquivo Blanco Amor da Deputación de Ourense.

Modernidade

Nas fotografías de Blanco Amor obsérvanse unha serie de “elementos que as sitúan por riba dos afeccionados da época”, destaca este investigador, que incide en que “podemos afirmar que ese corpus fotográfico non constitúe unha simple actividade de lecer, senón que agroma dunha necesidade de capturar en imaxes aquilo para o que as palabras ficaban ou incompletas”. Neste senso, Mene destaca que Blanco Amor “non era unha persoa que fixera fotos sen máis, senón que se preguntaba se era ou non un bo fotógrafo, ese era un aspecto que lle preocupaba”. Do mesmo xeito, o investigador trata coa súa tese de “reivindicar o valor da súa fotografía, que está considerada como unha produción menor”, a pesares de que constitúe unha boa mostra da modernidade dun autor que supón “un caso único na literatura galega da época en canto a temáticas e técnicas”, como resalta Mene, para quen “Blanco Amor é moi visual na súa literatura, moi cinematográfico”.

Identidade

Dunhas vacacións en Marrocos a un encontro con Federico García Lorca, pasando mesmo por unha visita ao zoo, Blanco Amor retratou en imaxes gran parte das súas experiencias vitais. “Facía fotos alá onde ía, ata nas viaxes máis habituais, sempre tivo a cámara como compañeira”, relata Mene, que observa na fotografía do ourensán “un xeito de completar o seu discurso literario, unha cartografía que el mesmo foi trazando para describir, e seguro que tamén para comprender, a súa propia identidade”. De aí que, a obra gráfica do escritor poña o foco “nos lugares físicos e mentais que o artista visita unha e outra vez e que vertebran dalgún xeito o mapa da súa identidade”.

Co obxectivo de estudar non tanto as fotografías de Blanco Amor na súa totalidade senón o “discurso” que se se extrae delas, Mene tratou de confrontar o material gráfico coa obra literaria do ourensán, coa idea de achar “fíos de unión, dada a importancia da experiencia vital na creación do autor”. Neste senso, Mene incide que, no caso de Blanco Amor “é moi difícil definir onde está a fronteira entre creación e vida”. De aí que, a través dunha metodoloxía multidisciplinar, Mene trazase na súa tese “unha viaxe pola historia dunha persoa a partir das súas imaxes”, coa que ir máis aló dunha análise centrada en cando e onde foi tomada unha determinada fotografía para coñecer “que é o que está facendo e sentindo esa persoa en cada un deses momentos”.

Forza creadora

Partindo desta idea, a investigación de Mene tivo entre os seus obxectivos principais afondar na idea “do desexo como forza creadora na obra e vida do artista”, cuestión que considera un “aspecto crucial da súa produción, unha forza que é o cerne do valor emocional do seu legado”. A este respecto, o investigador incide en que ese “motor creativo” non debe entenderse “só como un desexo sexual, senón como algo máis xeral, como, por exemplo, o desexo de chegar a ser alguén, o desexo como un motor que te move”.

Do mesmo xeito, tanto a fotografía como a obra literaria serven a Blanco Amor “para cuestionar que lugar ten no mundo e construír a súa identidade”, engade Mene, que ve na creación un proceso “case que terapéutico” para o escritor. Nesta mesma liña, o investigador incide en como a fotografía permitiu a Blanco Amor “ir capturando o paso do tempo no seu mundo”, que define como “un lugar fronteirizo”, posto que, “el é un galego que marcha a Arxentina, e que logo cando volve, síntese tamén aquí un pouco estranxeiro”, aspecto que, destaca, tamén se ve reflectido neste percorrido fotográfico pola súa traxectoria vital.

Cultura