Moeche a pola Axenda 2030

Moeche a pola Axenda 2030
22 de Novembro, 2023 - 12:10 h. | Publicada por Radio Fene

A rapazada de Moeche recupera a microtoponimia da zona. Elaboraron un traballo a partir do Catastro de Ensenada de 1752 para identificar nomes de rios, regatos, fontes e lavadoiros das distintas parroquias da zona. Entrevistaron a persoas maiores para localizar eses nomes na actualidade e identificar os que permanecen trescentos anos despois. 

Será un dos temas dos que se fale no programa “Moeche a pola Axenda 2030” que mañá mércores se poderá sintonizar en Radio Fene Radiofusión. A experiencia de radio en directo ao redor dos obxectivos da Axenda 2030  realizase en colaboración co Concello de Moeche, o Movemento Asociativo da localidade e do alumnado e Claustro do Colexio CEIP San Ramón de Moeche.

Dende as instalacións do centro educativo emitirase, en directo, un programa de tres horas de duración no que se divulgarán as experiencias nas que están envoltas as distintas entidades participantes para acadar os Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable aprobados por Nacións Unidas.

Coñecerase a experiencia de posta en valor e aproveitamento económico, da produción, posta en valor e difusión das razas de gando e variedades agrícolas autóctonas da man de Antonio Díaz, cociñeiro e propietario dun negocio, Autga Autóctonas, que traballa con produtos e razas galegas.

O tratamento e aproveitamento dos produtos agropecuarios é o fundamento de A Fusquenlla, o Centro de Transformación Agroalimentaria dos municipios de Cerdido, Moeche, San Sadurniño e Valdoviño. Coñeceremos o Xeoparque Cabo Ortegal e as propostas de aproveitamento turístico que ofrece a toda a comarca que o sustenta.

O programa emitiráse entre as 10 da mañá e a unha do mediodia e pode sintonizarse no 107.7 da Frecuencia Modulada e na web radiofusion.gal 

"Onda Ods Empeza por ti" é unha iniciativa das Emisoras Municipais de Andalucía en colaboración coas Emisoras Municipais Galegas, a Xarxa de Catalunya e a Rede de Medios Comunitarios. Conta coa axuda do Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030. 

Sociedade

Publica o teu comentario agora