Mofa e Befa, No coment no Teatro Jofre

Mofa e Befa, No coment no Teatro Jofre

06 de Maio, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

A compañía “Mofa e Befa”, experta no chamado humor corrosivo, trae este venres ao Teatro Jofre a súa obra “No Coment”, dirixida a un público adulto. A representación, que conta coa colaboración da Axencia Galega das Industrias Culturais, levarase a cabo a partir das oito e media do serán.

As entradas están dispoñibles no despacho de billetes do Jofre, cuxo horario de apertura é de luns a venres de 11 a 13 horas polas mañás e de 18 a 20 polas tardes (ata as 20.30 o día da función), e tamén en Internet, a través da páxina http://www.ferrol.es/jofre. O prezo dos pases será de 10, 8 e 3 euros en función da localización das butacas que se desexen reservar. "No Coment” está escrita e dirixida por Quico Cadaval, mentres que Marcos Orsi, Víctor Mosqueira, Borja Fernández e Suso Alonso son os encargados de dar vida aos personaxes.

 

A escenificación conta a historia de varios operarios que traballan xuntos nunha obra en construción a gran altura pero que non falan entre si. En parte, debido ao barullo provocado polas máquinas, mais tamén porque todos eles veñen de países e culturas diferentes. É, segundo o autor “o Babel moderno”, xa que se constrúe contra o ceo e non se entende quen o fai. E deste xeito, sen necesidade de falar, dous obreiros encóntranse: un veterano e un novo. O que leva toda a vida e que dalgunha maneira comprende a política do ladrillo e aquel outro que, se cadra, tería preferido ser violinista ou economista ou chamán na súa terra natal.

Cultura