Moita carga emocional

Moita carga emocional
09 de Setembro, 2021 - 09:52 h. | Publicada por Radio Fene

Unha historia tenra e con moita carga emocional relata “O asubío do avó”, un libro escrito por Angeles Goás, ilustrado por Leandro Lamas e publicado por Editorial Galaxia. Un fermoso conto para xente de todas as idades, unha boa ferramenta para explicar á rapazada a morte dun ser querido. O seu pai era un home moi alegre, pero desde que sufriu unha operación e lle extirparon parte dun labio, xa non puido volver asubiar.  Non escribiu o texto pensando na publicación. Escribiuno para ela mesma. Púxose mans á obra cando oíu ao seu fillo asubiar, xusto unha semana despois de que marchara o seu pai. Máis tarde comentoulle a unha amiga a existencia do texto, quen a animou para envialo á editorial. Alí tamén quedaron engaiolados co conto.

ESCOITA O PODCAST:
Leandro Lamas e Ángeles Goás

Escritora e ilustrador; Angeles Goás e Leandro Lamas non se coñecían persoalmente ata que se viron esta semana en Radio Fene. “Eu en certo modo xa sentía que algo del coñecía, para min foi completamente natural, chameino un dia, conteille un pouco e el xa me comezou a enviar ilustracións a medida que ia facendo, con certa liberdade” comentou a escritora. 
Debuxar toureiros
O ilustrador Leandro Lamas pensa á hora de afrontar o reto de ilustrar un libro coa certa tranquilidade que lle da o posible coñecemento da súa obra por parte do escritor ou escritora. Moitas veces xa saben por onde poden ir os tiros. Aínda que hai un certo medo ao non saber se o seu traballo lle vai convencer ao autor ou autora. O libro ten unha gran carga emocional, que Angeles Goás soubo transmitir. Leandro ademais cando comezou a realizar os debuxos, coñecía toda a historia que había detrás. Leandro fálanos do seu traballo de ilustrador, pintor e debuxante. Ata agora sempre lle cadrou de facer traballos que lle gustan e iso é un privilexio. As encomendas son de persoas coas que se iría de viños. E un amor correspondido. Tu toreros no me pintarias,no? Preguntoulle unha persoa que quería consultar co artista residente en Neda un posible encargo. Leandro indicou que o ilustrador agradece as suxestións e as ideas da persoa que encarga as cousas. “Canta máis información teña mellor” salienta Lamas que prepara nestes momentos a ilustración de dous novos libros e cadros personalizados.
 

Cultura

Publica o teu comentario agora