Moito palleiro

Moito palleiro
13 de Setembro, 2022 - 12:02 h. | Publicada por Radio Fene

Arredor de 3.000 exemplares de can de palleiro aparecen rexistrados no libro xenealóxico da raza, autorizado e recoñecido pola Xunta de Galicia. O Club desta raza verifica o pedigree de femias, machos e da súa descendencia. Trátase dunha raza autóctona con aptitudes para o pastoreo e a caza, ademáis de ser dócil coa xente da casa. 

Exposición sobre o can de palleiro

O presidente da entidade, Juan Carlos Puente, e o vogal Dani Bogo, estiveron na inauguración da mostra de fotografías sobre estes animais na Casa da Cultura de Fene Tamén asistiron o concelleiro de Cultura de Fene, Justo Ardá, e a concelleira de Deportes, Cristina García Moroño. A exposición está composta por 40 imaxes de gran formato que reflicten as características morfolóxicas da Raza Can de Palleiro, un tipo de animal de tamaño medio,de constitución forte, feituras próximas ás do lobo e cor da capa normalmente uniforme, que pode ir desde tonalidades area ata as negras pasando por canelas, castañas e grises escuras. Así, na mostra vemos poses de cans, cadelas e cachorros que nos axudarán a apreciar a súa fisonomía, pero que tamén nos transmitirán unha idea sobre o seu carácter. Tal e como se describe na web do club, esta raza autóctona posúe aptitudes para o pastoreo e para a garda, ademais de ser dócil coa xente da casa. A exposición fotográfica permanecerá en Fene até o 29 de setembro e poderá visitarse de luns a venres en horario de 10 a 13 e de 16 a 21:00h, mentres que os sábados só abrirá pola mañá, de 10 a 13:00h. Trátase dunha actividade itinerante que está percorrendo distintos concellos galegos como parte das accións de difusión da raza e do traballo que desenvolve a entidade.  O Club Raza Can de Palleiro, fundado como asociación en 2002, é  o único autorizado e recoñecido pola Xunta de Galicia para xestionar o libro xenealóxico da raza e, polo tanto, verificar o "pedigree" das femias e machos e da súa descendencia. O número de exemplares rexistrados dentro e fóra de Galicia achégase aos 3.000.

Cultura

Publica o teu comentario agora