Moito románico en Negreira

Moito románico en Negreira

30 de Agosto, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Negreira

A organización da IV Feira do Románico de Negreira ultima xa os detalles para a celebración desta, o primeiro fin de semana de setembro. O Concello de Negreira e a Asociación de Festexos prevén para este ano que máis de 10.000 visitantes se acheguen ata a vila para gozar dun completo programa de actividades e espectáculos para todas as idades.

Este ano cabe resaltar a implicación dos veciños que cada edición con máis intensidade deciden vivir dende dentro esta festa. Moitos participan facéndose cargo das casetas que o Pazo do Cotón xenerosamente cede para o uso dos habitantes da vila durante estas datas.

Durante as diferentes reunións levadas a cabo para preparar a feira, Tanto o alcalde de Negreira Jorge Tuñas coma a concelleira de Cultura María Jesús Veiga, resaltaron a necesidade de que os veciños poñan neste evento tanta ilusión coma o propio Concello.

Outra novidade importante é a incorporación dunha zona de Restauración, provista dunha carpa que dará sombra para que os visitantes poidan sentarse a degustar os diferentes pratos ofrecidos na feira. E importante resaltar o compromiso de todos os postos participantes de ofrecer prezos populares para que todo o mundo poida gozar nesta fin de semana.

O grupo de música encargado de poñer banda sonora e que asegurará o ambiente de festa será nesta ocasión Veiga do Cotón. Non faltará a maxia do Castelo Encantado do Mago Romarís que ofrecerá un gran número de sesións para que tódolos asistentes poidan desfrutar do seu espectáculo.

Pasarruas, contacontos, obradoiros de disfraces e de xogos tradicionais, demostración de tiro con arco, exhibicións caninas e persoaxes fascinantes doutra época e incluso a recreación dunha Boda do románico animarán os visitantes no descorrer do mercado. Esta animación ven a cargo do grupo de teatro Axouxere e da Escola Municipal de Teatro de Negreira.

A xornada do sábado  terminará cunha gran queimada popular para todos os asistentes que xa o ano pasado demostrou a capacidade de divertir e aunar a cativos, a xuventude e a maiores ata altas horas da madrugada.

Cultura