Moitos varamentos polas borrascas

Moitos varamentos polas borrascas
26 de Xaneiro, 2023 - 12:10 h. | Publicada por Radio Fene

O tren de borrascas das últimas semanas aumentou o varamento de animais mortos ou enfermos nas costas galegas. No que vai de ano xa houbo 37, “máis que outros anos, este tempo provócanos máis traballo”, informou a Radio Fene Uxía Vázquez, voluntaria da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA), Uxía Vázquez. 

 

ESCOITA O PODCAST:

“A especie máis frecuente é o golfiño común, ademais arroaces, baleas e lobos mariños, no que vai de ano xa levamos dous avisos, e tamén temos varias tartarugas en recuperación”, sinalou no espazo Radio Animal. Aos animais feridos danlles atención e despois vólvenos ao mar. "Os lobos mariños embarcámolos en arrastreiros que van ao Gran Sol para soltalos alí, porque é o máis preto das súas colonias, en Irlanda. As tartarugas en barcos aquí para evitar que volvan quedar enmalladas ou varadas na praia porque as rías que son labirínticas para eles. O último obxectivo é que volvan ao mar".

Sobre o proceso para a recuperación sinala que “cada animal é un mundo, os lobos mariños pasan un tempo durmindo na UCI, a moitos hai que ensinarlles a comer porque non saben que é un peixe, as tartarugas recollémolas sempre porque temos augas moi frías para elas e pasan quince días defecando plásticos”. Porque os plásticos son un problema moi grave no mar. Moitos animais mariños confunden plásticos con alimentos. Pásalles a grandes mergulladores como os cachalotes e tamén ás tartarugas. 

CEMMA é unha ONG ambiental que se dedica á recuperación e estudo de mamíferos mariños e tartarugas que aparecen nas costas de Galicia, tamén é responsable da rede de varamentos de Galicia, realiza labores de investigación e divulgación sobre estas especies.  Piden a calquera persoa que vexa un animal varado que chame ao 112 ou ao CEMMA. Están nas redes socias e tamén teñen unha web.

 

Sociedade

Publica o teu comentario agora