Mollámonos polos ríos

Mollámonos polos ríos
23 de Setembro, 2022 - 12:10 h. | Publicada por Radio Fene

Milleiros de persoas traballarán este domingo, día 25, para limpar os ríos galegos. A organización ecoloxista ADEGA e o Proxecto Ríos volverán mobilizar moita xente comprometida co medio ambiente e coa limpeza dos ríos. Fene é un dos lugares nos que se levará a cabo a iniciativa, contando coa colaboración do Concello e das asociacións AETNA e Betula. 

 

ESCOITA O PODCAST:
Imaxe entrevista AETNA

O Concello de Fene apoia o proxecto "Móllate polos ríos", que este ano se vai celebrar en 42 concellos, coa colaboración de máis de 61 entidades entre concellos, asociacións, colectivos ecoloxistas e centros de ensino. As persoas que se sumen á iniciativa deben presentarse o domingo, ás 10.30, na sede de AETNA, onde se distribuirá o traballo e se entregarán botas e luvas facilitados polo Concello. As persoas voluntarias tamén irán pertrechadas con sacos e paus con puntas para a retirada de lixo dos ríos. O Concello de Fene tamén facilita dous colectores para depositar os residuos.



Aos voluntarios non lles faltará traballo, aínda que a limpeza dos ríos mellorou moito .Logo de participar nas quince edicións desta iniciativa, María José García declarou a Radio Fene que hoxe hai máis concienciación da necesidade de manter limpos os ríos. Lembrou que nestas campañas teñen retirado todo tipo de obxectos dos cauces, desde unha pistola ata o eixo dun coche. E animou a todas as persoas interesadas no coidado do medio ambiente, independentemente da súa idade, a sumarse á iniciativa.

Sociedade

Publica o teu comentario agora