Morre moita xente

Morre moita xente

24 de Xuño, 2014 - 12:00 h. | Publicada por Radio Eume

Galicia rexistrou en 2013 un saldo vexetativo negativo, xa que contabilizou 10.701 defuncións máis que nacementos ao longo do ano. Con iso, sitúase como a comunidade co saldo vexetativo negativo máis alto, segundo se extrae da enquisa sobre movemento natural da poboación publicada este martes polo Instituto Nacional de Estatística (INE).

   Por detrás de Galicia sitúase Castela e León, con 9.603 mortes máis que nacementos e Asturias, con 6.051. A continuación, séguenlle Estremadura con 2.144, Aragón con 1.689, Cantabria con 766 e País Vasco con 613; mentres que o resto de autonomías contabilizaron en 2013 un saldo vexetativo positivo.

   Dacordo con estes datos, en Galicia rexistráronse 19.726 nacementos durante o pasado ano 2013, o que supón un descenso do 6,5 por cento con respecto ao ano anterior, cando foron 21.089.

    Así, a taxa bruta de natalidade situouse en Galicia en 2013 en 7,2 nacementos por cada 1.000 habitantes, dous puntos por baixo da media nacional, cuxa taxa é de 9,1 nacementos. Con este dato, rexistra a terceira taxa bruta de natalidade máis baixa do país, só por detrás de Asturias e Castela e León.

   En canto ás defuncións, en Galicia rexistráronse 30.427 durante o pasado ano 2013, un 1,5 por cento menos que o ano anterior (cando foron 30.871), co que a taxa bruta de mortalidade situouse en 11,1 mortes por cada mil habitantes. Superior á media estatal, que está en 8,3, este dato sitúa á comunidade como a segunda coa maior taxa bruta de mortes.

   Por tanto, con 30.427 defuncións e 19.726 nacementos ao longo de 2013 en Galicia, a comunidade ofrece un saldo vexetativo negativo, con 10.701 falecementos máis.

Sociedade