A morte definitiva do estaleiro

A morte definitiva do estaleiro
29 de Decembro, 2022 - 12:16 h. | Publicada por Radio Fene

O derribo das gradas supón a morte definitiva do estaleiro, afirmou esta mañá o comité de empresa de Navantia Fene. Coa amputación desta instalación, a antiga Astano queda definitivamente inhabilitada para construír buques, artefactos off shore ou calquera outro que haxa que poñer a flote. Os sindicalistas pregúntanse se non sería lóxico que se dotara a Navantia Fene das infraestruturas necesarias para ser competitivos: ¿Non sería coherente que, se se derriban as gradas, se construía un dique para non quedar en franca desvantaxe? Afirman que o de Fene é o único estaleiro de Navantia ao que o Plan Industrial da compañía nega a súa participación no negocio de fabricación de buques. O comité de Navantia tamén denuncia o incumprimento do Plan Industrial no que se refire á incorporación de traballadores para cubrir as prexubilacións. 

ESCOITA O PODCAST:

Escoita a rolda de prensa de Adela López (CCOO), David Veiga (UXT) e Ana García (MAS) do comité de empresa de Navantia Fene http://173.255.131.18/audio/291222LOPEZ.mp3

Comité de empresa de Navantia Fene

O número de traballadores da cadro de persoal propia de Navantia Fene que acoden diariamente ao estaleiro situase na actualidade nas 20 persoas. Nas compañías auxiliares traballan arredor de cincocentos empregados. Tamén hai arredor de 80 persoas de Navantia Ferrol destinadas agora en Fene. Pero o comité insiste na necesidade de cumprir os acordos e cubrir as vacantes dos prexubilados, xa que os últimos saíron nas pasadas semanas. 
Navantia Fene tería que ter incorporado a 136 persoas pero na actualidade só entraron ou están en proceso 53. As outras 83 prazas non se convocaron. No encontro cos medios informativos realizado esta mañá, compareceron Adela López de Comisións Obreiras, David Veiga da UGT e Ana Garcia do MAS. O comité censura a operación de derribo das gradas. Na actualidade xa se están a liberar os pañoles situados na parte inferior e se vai proceder á destrución desa instalación.  A presidenta do comité de empresa de Navantia Fene Adela López denunciou o estado de abandono das instalacións: Vestiarios con condicións insalubres, zonas por onde se transportan e estiban as jackets deterioradas, e ninguneo do comité de empresa. A dirección fai caso omiso incluso das reclamacións relacionadas coa prevención, a seguridade e a saúde laboral. O comité tamén denuncia o incumprimento do Plan de Emprego de Navantia. 83 prazas previstas para o estaleiro de Fene non se van cubrir. E das prazas convocadas apenas a metade van traballar efectivamente na antiga Astano. 
Que pais de Europa se permitiría o luxo da desaproveitar unhas instalacións como as do estaleiro de Fene para a creación de emprego e xeración de riqueza, sobre todo na situación actual de crise internacional? preguntáronse os sindicalistas.  A antiga Astano é o único centro que ten prohibida a construción de buques, sinalou David Veiga, da UGT. 
O comité denunciou o desmantelamento de departamentos cruciais no funcionamento do estaleiro. Persoal, Prevención, Informática, Mantemento, Enxeñería. Afirman que son departamentos que non existen en Fene. "Ao mellor  toda a xente ten interiorizado que a construción de buques no estaleiro de Fene é unha utopía. Pero iso é só unha decisión política" concluien.  "Nos proxectos de eólica mariña fabricase un produto deseñado por outros". Pregúntanse os representantes dos traballadores: ¿Non imos apostar pola innovación, polo desenvolvemento de produtos propios, co enorme beneficio para o noso negocio e para o noso pais que iso supón? Calculan que na actualidade hai no estaleiro arredor de cincocentos traballadores de compañías auxiliares. Pero o comité non ten datos fehacientes. Apuntou esta mañá o comité de empresa de Navantia Fene: Coa cantidade de metros cadrados da nosa planta que non se usan desde hai décadas e que poderían adaptarse para a ampliación, non habería necesidade de tirar as gradas.
 

Sociedade

Publica o teu comentario agora