ACTUALIDADE
-
Novas
Novas sobre programas, emisoras,... Todo o mais actual e de interese nesta sección.
-
Radio á carta
Escoita online os podcasts dos teus programas favoritos de Radiofusion.
Praza Alcalde Ramón Souto s/n, 15500 Fene (A Coruña) Galicia - Tfno. 981 492 773 - noticias@radiofusion.eu
A exposición Manuel María. Beleza, amor e compromiso (1929-2004), froito da colaboración entre a Xunta de Galicia e a Casa-Museo Manuel María, permanecerá ata o vindeiro 16 de maio na biblioteca Miguel González Garcés, ubicada no barrio de Elviña da Coruña, a cidade na que o poeta chairego viviu os derradeiros anos da súa vida. A
O mellor xeito de coñecer a Manuel María e ler a súa obra, pero a exposición que desde agora pode verse na Biblioteca Miguel González Garcés (A Coruña) é un bo complemento. Así o destacou onte o secretario da Casa-Museo Manuel María e coordinador da mostra, Alberte Ansede, na inauguración, na que tamén participou o secretario da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo. O representante da RAG celebrou iniciativas como esta, que contribúen ao coñecemento e ao recoñecemento do autor escollido pola Academia como protagonista do Día das Letras Galegas de 2016.
Henrique Monteagudo lembrou no acto inaugural que a normativa da Real Academia Galega indica que a figura homenaxeada no Día das Letras Galegas debe ser unha persoa exemplar humana e culturalmente, cunha obra de especial relevo para as letras galegas. "O personaxe deste ano cumpre sobradamente estas dúas dimensións, pola súa obra literaria e tamén pola súa traxectoria persoal, que pode poñerse de exemplo ao país en todos os aspectos", destacou o secretario da RAG. Pero se ben a Academia é a que escolle o protagonista do 17 de maio, é a sociedade "a que logo dispón como, canto e ata onde se celebra", engadiu. "Por parte da Academia, non queda máis ca congratularse por iniciativas como esta e desexar que a sociedade galega recoñeza a obra e a figura de Manuel María, a achega que fixo ao país nun tempo de resistencia, no que había moi poucas voces coa valentía que el amosou, e nun momento posterior de desafío a prol da normalización da lingua e da cultura, sempre en primeira liña", concluíu.
Pola súa banda, o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, subliñou a capacidade de Manuel María de chegar ao pobo. "Quizais o máis importante é que foi capaz de conectar coa xente. Sen esquecer o feito erudito da creación cultural, foi capaz, a través da literatura e da música, de transmitirlle a súa forma de ver e interpretar Galicia, e iso é o que fai grande a un creador", expresou. No acto tamén interviñeron o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e o alcade da Coruña, Xulio Ferreiro.