Mugardos repite co BNG

Mugardos repite co BNG

11 de Xuño, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

O Concello de Mugardos (A Coruña) repetirá con alcalde do BNG, Xosé Fernández Barcia, ao ser a forza política máis votada, e despois de que Esquerda Unida decidise non facilitar cos seus votos unha alcaldía do Partido Popular.

A situación na que ía quedar a Alcaldía de Mugardos para os próximos catro anos era unha incógnita desde que o 22 de maio o BNG e o PP empataron con catro concelleiros, aínda que os nacionalistas se situaron como o partido máis votado. A continuación, Esquerda Unida alcanzou tres representantes, e o PSOE dous.

O representante do BNG, Xosé Fernández Barcia, expuxo nun primeiro momento a posibilidade dun acordo "entre as forzas políticas de esquerdas", pero a posible coalición atopouse coa negativa de EU, que lidera Pilar Díaz. Os seus militantes apostaron por "explorar outras alternativas", e rexeitaron apoiar a Barcia como alcalde.

Tras as primeiras conversacións, especulouse cun acordo de coalición entre PP e EU que non chegou a callar, pero non se descartou o apoio de Esquerda Unida ao candidato "popular", Domingo de Deus, para que fose nomeado alcalde en lugar de Barcia.

A postura final de EU na sesión de investidura deste sábado foi a de apoiarse a si mesmos, do mesmo xeito que o resto de partidos. Ao non haber unha candidatura que obtivese a maioría absoluta, noméase ao cabeza de lista do partido máis votado, neste caso, o BNG.

A decisión de EU foi adoptada nunha asemblea de militantes e afiliados que se celebrou a nivel local desde as 22:00 horas deste venres, e que se prolongou durante varias horas. Finalmente, a formación política situouse na liña de EU comarcal e federal, que permite que membros do seu partido faciliten a investidura dun alcalde do PP "nin por activa nin por pasiva".

Sociedade