A muller galega a estudo

Unha xornada do Consello da Cultura Galega aborda o concepto de “muller galega”
12 de Xuño, 2019 - 12:37 h. | Publicada por Radio Fene

Os estereotipos que hai detrás do concepto de “muller galega” e como foron evolucionando a través do tempo son algunhas das cuestións que se abordan no marco da xornada “Mulleres e antropoloxía en Galicia”. A cita do Consello da Cultura Galega (CCG) xunta hoxe a persoas expertas que permitirán revisar a teoría e a práctica arredor da realidade das mulleres en Galicia. A presidenta da institución, Rosario Álvarez, xunto coas coordinadoras deste encontro, Nieves Herrero, Luzia Oca e Mariám Mariño, foron as encargadas de inaugurar esta xornada. Pode seguirse en directo desde o web da institución.

Esta xornada, promovida pola Comisión de Igualdade do Consello da Cultura Galega, ten como obxectivo dar a coñecer e pór en valor diferentes achegas que, desde a antropoloxía e/ou a etnografía, contribuíron ao estudo e análise da realidade das mulleres en Galicia no presente e tamén no pasado. Quérese incidir tanto nas contribucións de carácter teórico como na aplicación da antropoloxía e dos métodos de traballo relacionados con ela. Trátase, en definitiva, de pensar nos beneficios prácticos que a disciplina antropolóxica pode achegar ás comunidades.

Na sesión da mañá, sen perder de vista o lugar ocupado pola antropoloxía na actualidade en Galicia, reflexionarase sobre os diferentes marcos de comprensión antropolóxicos aplicados á realidade obxecto de estudo proposta. Sobre os retratos e relatos, ás veces contraditorios, que diferentes estudosos e estudosas produciron, de xeito concreto ou transversal, sobre “a/s muller/es galega/as” ou as mulleres en Galicia. Prestarase especial atención ás propostas e reflexións propias da antropoloxía aplicada e tamén ás olladas de xénero e/ou feministas, máis concretamente a propostas xurdidas desde a antropoloxía feminista.

Na sesión da tarde terán maior protagonismo os casos prácticos. Traballos pensados desde as comunidades e para as comunidades que, no seu desenvolvemento, fan uso de propostas metodolóxicas e técnicas propias da disciplina antropolóxica. Prácticas que implican vincularse coas comunidades ou persoas obxecto de estudo, para aprender e entender a súa cultura. Propostas que, tendo en conta a relevancia do contexto e o significado que teñen os actos humanos, buscan a participación activa de persoas e/ou grupos na organización, mobilización e desenvolvemento dos seus propios recursos e potencialidades. Aspecto este que é fundamental á hora de propor procesos de transformación que promovan sociedades máis xustas.

Cultura

Publica o teu comentario agora