As mulleres pintoras

As mulleres pintoras
05 de Marzo, 2021 - 01:28 h. | Publicada por Radio Fene

Coa colocación da bandeira feminista na Casa do Concello de Fene, o Departamento de Benestar Social e Igualdade inaugura hoxe ás 14.00 horas os actos conmemorativos do 8 de Marzo, “Día da Muller” que adica ás mulleres pintoras do municipio.

Por mor da situación epidemiolóxica mundial provocada pola COVID-19 e seguindo os protocolos de seguridade marcados polas autoridades sanitarias competentes, este ano non haberá ningún acto público que implique a participación cidadá. Segundo informa a Concellería de Benestar Social e Igualdade, os actos previstos para este 8 de Marzo, o luns 8 de marzo, as 10:00 horas, estarán na emisora municipal Radio Fene a pintora M. Dolores Fernández González (Loli de Barallobre) e Saila Chao López, pintora, ilustradora e autora do manifesto deste ano.

Ao longo do mes de marzo, dependendo do tempo meteorolóxico, Dolores González e Saila Chao, xunto a outras compañeiras pintoras como Mari Carmen García Roel, Marta Barro, Oliva Yañez ou Eva Seoane encargaranse de xeito desinteresado da realización dun mural conmemorativo en San Valentín, fronte ao Centro Municipal de Servizos Sociais.

Seguindo as indicacións nacionais e comarcais da plataforma Galegas 8M, dende os Servizos Sociais de Fene convídase á cidadanía a facer visible a loita pola igualdade entre mulleres e homes coa colocación de calquera símbolo que represente a conmemoración do 8M nas súas fiestras e balcóns: bandeiras ou teas de cor violeta, mandilóns, símbolos feministas, frases, debuxos infantís…

Dende a Área de Igualdade do Concello de Fene, reiteran ademais o seu compromiso continuado pola consecución dunha sociedade máis igualitaria e máis xusta, visibilizando ás mulleres protagonistas da nosa historia local. Así, este ano queren adicalo “ás mulleres pintoras do noso municipio, un colectivo importante e con gran prestixio en Fene e bisbarra. Mulleres pintoras que á sua vez son mestras e formadoras de novas xeracións de pintoras”.

Institucional

Publica o teu comentario agora