Mural estragado

Mural estragado
03 de Xuño, 2021 - 08:12 h. | Publicada por Radio Fene

Sorpresa, indignación e estupor son os tres sentimentos que mellor describen a sensación que tivo a veciñanza de San Valentín ao ver as pintadas feitas a pasada madrugada  sobre o mural do 8 de Marzo situado fronte ao Centro Municipal de Servizos Sociais e tamén no baixo dun bloque de edificios próximo. Unha sensación compartida polas traballadoras e pola responsable do departamento, Mari Carmen Rodríguez, quen, ao igual que o resto do barrio, asistiu ao "espectáculo covarde e vergoñento" representado en mensaxes que, na primeira localización, poñen en dúbida a reivindicación feminista e mailos obxectivos de desenvolvemento sostible da Axenda 2030, ademais de atacar noutro punto do barrio a Yolanda Díaz -Ministra de Traballo e natural de San Valentín-  cualificándoa de "traidora á clase obreira". O Goberno fenés condeou e denunciou o sucedido, considerando ademais que o contido das pintadas "vai máis aló dun simple acto vandálico".

Pintadas no barrio de San Valentín en Fene

San Valentín amenceu onte con tres grafitos repartidos polo mural  que se fixo recentemente con motivo do Día Internacional da Muller e un cuarto, de grandes dimensións, estampado no baixo dun bloque de vivendas próximo. As mensaxes  "terxiversan e danlle a volta aos lemas da loita feminista", explica Mari Carmen Rodríguez, e tamén "criminalizan os ODS da Axenda 2030 e poñen en dúbida o compromiso de Fene e do resto da sociedade coa Igualdade de Xénero". "Ademais -engade a concelleira- tamén apareceu noutra parte  unha pintada atacando directamente á actual Ministra de Traballo sinalándoa como 'traidora á clase obreira', algo que, sen entrar en valoracións políticas, é moi triste ver no barrio onde naceu, xa sen contar o desperfecto en si e o que custará borralo".

 

A concelleira sinala, porén, que este tipo de atentados contra bens públicos  "con mensaxes que exceden o límite lexítimo a protestar", non van conseguir "que renunciemos ao camiño iniciado e imparable a prol dos dereitos da muller e da loita feminista. Fene e San Valentín están comprometidos con estes valores e ningunha pintada nos vai apartar deses obxectivos prioritarios".

 

O Goberno local xa lle trasladou o ocorrido á Policía Municipal e á Garda Civil para que se esclareza a autoría duns feitos que se produciron nalgún momento durante esta madrugada. "Quen fose actuou durante esta noite e esperamos que algún veciño ou veciña da zona vise algo que poida dar algunha pista" comenta Martínez. "Isto vai máis aló dun simple acto vandálico polas connotacións que teñen as mensaxes. É un espectáculo vergoñento e dunha grande covardía" remarca a concelleira mentres anuncia que o mural do 8 de Marzo -feito de forma colaborativa por varias artistas fenesas e da comarca- "volverase pintar".

 

Institucional

Publica o teu comentario agora