Muro da vergoña

Muro da vergoña
14 de Outubro, 2022 - 02:03 h. | Publicada por Radio Fene

O muro de pedra que terma do barrio de Porto en Pontedeume foi construído por persoas represaliadas pola ditadura en réxime de traballo escravo entre os anos 1938 e 1942. Un monumento homenaxe ás vítimas do franquismo preséntase esta tarde. Iniciativa do Ateneo Fernán Martís que adiantou a Radio Fene un dos promotores, o deseñador Pepe Barro

ESCOITA O PODCAST:

“Foi unha tortura, non os mataron pero tiveron que traballar durante anos de balde e sen tempo para facer por gañar a vida”. Persoas represaliadas das que so se sabe polas testemuñas dos seus familiares. “Queremos traer á memoria o sufrimento destas persoas das que non coñecemos os seus nomes. Na documentación municipal non hai rastro, preocupáronse de que non houbera” explica Barro. Desde o Ateneo vanlle propoñer ao Concello de Pontedeume que aproveite as melloras prevista na zona para lembrar homenaxe as vítimas. E de paso, para que a xente nova coñeza o que pasou, o sufrimento destas persoas castigadas durante a ditadura por defender a legalidade e ter un pensamento que non era fascista. 

A presentación da iniciativa, ás oito da tarde, na Casa da Cultura de Pontedeume contará coa participación de Ramón Yáñez, que vai contar a historia do seu avó que era de Cabanas, que xa fora obrigado a traballar na construción da estrada da Armada. O historiador Bernardo Máiz dará datos das  persoas asasinadas no  antigo partido xudicial de Pontedeume. Valentín Bóveda, neto de Alexandre Bóveda e vicepresidente da Fundación que leva o seu nome, deixará constancia da necesidade de facerlles honra ás vítimas. O presidente do Ateneo, Xoán Lourenzo, e Pepe Barro  serán os encargados de presentar o proxecto, no que contaron coa axuda do  arquitecto Jorge Salgado.

Sociedade

Publica o teu comentario agora