Muros que unen

Muros que unen
13 de Setembro, 2022 - 12:10 h. | Publicada por Radio Fene

O concurso ‘Muros que unen’ volverá premiar os mellores murais sobre desenvolvemento sostible. Crecemento inclusivo, innovación e redución das desigualdades son os temas centrais das obras dun certame organizado na Coruña polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade co apoio do concello herculino.

 

Con ‘Muros que unen’ búscase dar a coñecer, a través da arte urbana, as 17 metas globais fixadas polos Estados membros da ONU a finais de 2015 para erradicar a pobreza, protexer o planeta e asegurar a prosperidade para todas as persoas no marco da Axenda 2030. Co fin de fomentar ademais o pensamento crítico e a participación cidadá na construción de cidades inclusivas, a quinta edición de ‘Muros que unen’ centrarase en tres deses 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, que os municipios deben contribuír a acadar. Trátase do ODS 8: Promover un crecemento económico sostido, inclusivo e sustentable, o emprego pleno e produtivo e o traballo decente para todas as persoas; o ODS 9: Construír infraestruturas resilientes, promover a industrialización inclusiva e sustentable e fomentar a innovación; e mais o ODS 10: Reducir a desigualdade en e entre os países.  Outorgarase un premio de 2.000 euros por cada un dos tres ODS, que se plasmarán no patio do CEIP Sal Lence, para o que a organización facilitará todos os materiais necesarios. A técnica será libre, e ao concurso poden presentarse ata dúas propostas por artista, seguindo o procedemento establecido nas bases, que poden consultarse en www.fondogalego.gal . As obras deben ser inéditas, de xeito que non fosen recreadas nunha parede con anterioridade nin premiadas noutros concursos. Calquera dúbida pode consultarse no enderezo electrónico comunicacion@fondogalego.gal ou no teléfono 604 040 890.

 

Na imaxe, as persoas premiadas no certame do ano 2021.

 

Sociedade

Publica o teu comentario agora